Adugna, o grupo de danza iniciado por Meseret e outras mozas e mozos desfavorecidos, e Adugna Potentials realizan actuacións conxuntas. Emocióname a súa paixón, o seu interese, a súa capacidade para transmitir, o seu amor propio. "Queremos amosar á nosa comunidade o noso potencial". Ao principio ninguén pensaba que fosen conseguilo. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.
Persoas que bailan
Ao son da música no alpendre de Adugna, un grupo de persoas bailan. Moldean os seus corpos de maneiras plásticas, transmitindo emocións que superan a linguaxe das palabras. Como elementos decorativos algúns obxectos: muletas, unha cadeira de rodas. Concéntranse na súa clase con Meseret e ensaian unha actuación. Irrelevante é o feito de que as súas pernas non funcionen, ou que os seus brazos teñan unha parálise. Son só persoas que bailan.
Potencial
Adugna Potentials é o grupo de baile para persoas con discapacidade que Meseret ten en marcha dende hai seis anos. Convídannos a asistir a unha das súas sesións. Ao rematar sentamos no chan comentar inquedanzas, pregúntanme se coñezo algunha iniciativa semellante no meu país, falan da importancia do conseguido. A danza non é aquí unha terapia corporal. É unha expresión artística de alto nivel. Adugna, o grupo de danza iniciado por Meseret e outras mozas e mozos desfavorecidos, e Adugna Potentials realizan actuacións conxuntas. Emocióname a súa paixón, o seu interese, a súa capacidade para transmitir, o seu amor propio. "Queremos amosar á nosa comunidade o noso potencial". Ao principio ninguén pensaba que fosen conseguilo. Pero así son tantas veces as cousas cando alguén nos dá o mínimo apoio. O potencial está dentro de cada quen.
Plans
Despois da clase, dunha mini demostración de Bharatanatyam e de ver a Meseret e dúas compañeiras representar unha peza sobre a forza das mulleres imos tomar un café con calma falar de plans de futuro. Na nosa mente o intercambio. Poucas veces nos damos conta as persoas que vivimos na suposta sociedade da información do importante que é o contacto para quen está en lugares remotos, para quen queda fóra. Meseret quere que a axudemos a traer xente de noso darlles talleres, mesmo se eu penso que quen temos que aprender somos nós. De aí que engadamos algo máis á idea e comecemos a remexer para poder traer a Meseret e algunha compañeira a Galicia. Estendendo pontes coa danza. Avisadas/os quedades, danzantes.
Anteriores: