Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA – 14

Hai alguén aí?

Pode semellar algo pequeno pero a min dúrame sempre a teima de dar voz. O que non se oe non existe? Temos que facer espazos, axudar a crear altofalantes das maneiras que sexan porque só así haberá unha mínima esperanza. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:53 25/08/2006
Tags:

Marcando o territorio
Os homes fan acto de presencia coas súas demandas de atención. Nós queremos falar coas mulleres, entramos nas súas casas, tentamos coñecer o que acontece, o que as preocupa, o que precisan. Convocámolas a unha xuntanza, eu xa non estarei pero realmente o importante é que as cousas continúen estea unha ou non. Eles non están a gusto. Interrompen, indican, ordenan. Mascan chat (unha droga branda local) e farfallan sen sentido. Ventan xa como os cans que algo se achega. Máis vale axiña que tarde.

S.O.S. unha e mil veces
A min gustaríame poder poñer en marcha ese proxecto. Gustaríame volver dentro dun tempo e volver conversar coas mesmas mulleres, con máis, ver actitudes diferentes e sobre todo un entorno distinto. Gustaríame pero son sincera con OPRIFS: a proposta de proxecto está feita (montar 24 grupos de aforro e crédito, clases de apoio para nenas e nenos, alfabetización para as mulleres, sensibilización sanitaria e de xénero, o presuposto total pouco máis de 10.000 euros) pero nós non sei se teremos capacidade para financiala. Resulta frustrante. A cada paso a pregunta, hai alguén aí? Do outro lado destas liñas? Alguén escoita? Precisamos máis mans, máis cartos, máis esperanza. As máis de mil persoas que queren facer realidade esa proposta precísana.

Xuntanza
A última hora da tarde reunímonos para comentar as miñas observacións despois da avaliación dos diferentes programas de OPRIFS. Eu síntome afortunada porque me deixen participar do seu traballo, polo interese que amosan nos meus comentarios que non son máis ca unha voz máis. Rimos e falamos seriamente das cuestións que nos parecen relevantes. Malia non ser esta unha despedida, é un momento de recapitulación. Hirut dime que me consideran parte do persoal, que levo tres semanas traballando con elas. E a min faime feliz esta consideración especial como ningunha outra cousa. Polo meu amor ás empresas colectivas. Polo meu respecto ao traballo das organizacións de base, locais. Polo gratificante que resulta considerar que o meu pequeno esforzo ten algún valor para quen os fai tan grandes. Mershaye, con quen traballei estreitamente a maior parte do tempo, comenta o día de onte, a dureza do entorno, o meu consabido gusto pola conversa coas persoas entre refugallo, galiñas e lama. A min dáme a gargallada: para que vir ata aquí senón para iso, para estar, para compartir?

Boureo con causa
Mentres estamos na xuntanza de avaliación Zinnash, Hirut, Mershaye e mais eu oímos as voces contentas das nenas fóra, na aira. Cantan e rin desaforadamente. Eu intúo o que acontece. Paco está aí fóra coa súa cámara, xogando con elas. A súa cara de dor cando lle ensinamos os cuartos aínda no meu recordo. A psicóloga explicábanos que as camas teñen unha funda de plástico porque moitas nenas que sufriron abusos sexuais fan pis na cama. Neste momento hai trinta nenas no refuxio e máis de dez foron violadas. Agora xogan aí fóra no patio, cos seus momentos de descontrol, coa incerteza dese mundo inestable e doloroso que de ningunha maneira merecen experimentar.

Altofalantes audiovisuais
Mañá aínda volveremos. Paco ofreceuse a facerlles un pequeno vídeo promocional a OPRIFS para que poidan dar visibilidade ao seu traballo. Quédannos cousas por gravar. Pode semellar algo pequeno pero a min dúrame sempre a teima de dar voz. O que non se oe non existe? Temos que facer espazos, axudar a crear altofalantes das maneiras que sexan porque só así haberá unha mínima esperanza.




Anteriores:


0/5 (0 votos)