Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA – 12

Café etíope

A situación da maioría dos produtores de café é paupérrima. Malia a producir un dos cafés máis preciados do mundo, as multinacionais pagan uns prezos que non lles dan nin para cubrir os custos de produción. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:22 23/08/2006
Tags:

Nomes que cobran sentidos novos De regreso coa Women Support Organisation divido o meu tempo entre preparar a visita a Wollo con Aman, o director, e comentar o programa que teñen con mocidade en Addis e que aínda non vin. Muhammad é o responsable. "Antes de que viñeses xa sabía de ti", dime. Imaxino que o director lle comunicaría a miña chegada. "Lin o teu informe" engade. O que fixen na última visita con toda a información e recomendacións recollidas daquela. "Entrevistaches á miña irmá". Quedo intrigada. Imaxino que a irmá de Muhammad será algunha das rapazas dos clubs que traballan temas de saúde reproductiva.

Busco o meu informe e o seu nome mais non o dou atopado. Cando Muhammad ma sinala na foto, coas outras dúas mulleres, os recordos daquela día de diluvio volven rapidamente a min. Muhammad cóntame o fondo que non esté na foto nin no informe. El e Amina son orfos, viviron en campamentos toda a súa infancia. Amina foi obrigada a casar porque un dos encargados do campamento se encaprichou dela. Só tiña 16 anos. Agora ten cinco fillos. O día da súa voda Muhammad fuxiu do campamento. Bonita protección.

Danza e política Despois dun día de xuntanzas e organizacións, Hirut convídanos a min e a Zufan a cear nun restaurante no que hai música e danza etíope. Hirut traballa en OPRIFS e coñece a miña afección á danza. A cea comeza, o restaurante está ateigado (e non precisamente de faranjis senón de habeshas, etíopes).

A música e a danza percorren os distintos grupos étnicos do país. Entrementres Hirut e Zufan falan do DERG, o brutal réxime comunista anterior a Zenawi e do rexime actual. A desesperanza está instalada nas súas palabras. Eu, que proveño dun país onde as feridas están lonxe de curar, onde despois de corenta anos de represión aínda non damos recoñecido as atrocidades, non sei moi ben como darlles esperanza. Só a danza rompe a dureza do momento.

Café etíope Estes días, antes de marchar á montaña, intento ver, absorber, coñecer e conversar o máximo posible. O traballo na oficina interrómpese para coñecer a Kambede Asafa, que traballa noutra institución de microcrédito. O funcionamento é semellante ao de Gasha, aínda que vexo nesta máis proximidade ás comunidades e outro tipo de principios para min máis atractivos.

Cando rematamos a xuntanza imos comer e polo camiño explícame que cuns amigos están intentando apoiar a produtores de café pobres no leste do país. A situación da maioría dos produtores de café é paupérrima. Malia a producir un dos cafés máis preciados do mundo, as multinacionais pagan uns prezos que non lles dan nin para cubrir os custos de produción.

Considerando que a economía etíope depende en máis dun 50% das exportacións deste produto non é un tema insignificante. Kambede busca achegar directamente o produto a consumidoras e consumidores no Norte. Falamos do comercio xusto como opción viable. Lamento non ter máis tempo para poder trasladarme á zona de produción pero para a semana polo menos verei o laboratorio que teñen instalado en Addis para comprobar a calidade do café.






Anteriores:


0/5 (0 votos)