Dado que o partido de Zenawi non recolleu nin un voto na capital, dende entón sucédense as medidas de castigo para a cidadanía. O prezo do azucre chegou a subir sen razón aparente ata un 150%. Todo se encareceu. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.
Castigos
Ao remate do día Zufan e mais eu comentamos o feito e o acontecido. Todas as mulleres teñen problemas cos prezos das materias primas, algunhas necesitan axuda para recalcular o prezo final dos produtos de forma que sigan tendo os mesmos ingresos. "O goberno quere castigar á xente de Addis", explícame Zufan.
Dado que o partido de Zenawi non recolleu nin un voto na capital, dende entón sucédense as medidas de castigo para a cidadanía. O prezo do azucre chegou a subir sen razón aparente ata un 150%. Todo se encareceu (este é un comentario de todas as mulleres coas que me reúno, agora entendo por que). A opresión adopta todas as caras posibles.
Visita ao templo
O domingo visito o templo. Está nun soto ateigado, cheo de mulleres, con música e parola. Observo as impresionantes obras de arte que se cociñan neste momento. Alisados, trenzados, rizados. Esculpindo unha materia tan volátil como é o cabelo humano. Como adoita acontecer, o dono é un home, mesmo se todas as que traballan son mulleres. Estamos na de sempre. As mulleres facemos algo durante séculos (cociñar, coser, peitear) pero só se lles dá valor ás actividades cando vén un home e lles saca beneficio económico. Logo a nós tócanos traballar de empregadas.
Sempre sentín especial cariño e admiración polas perruqueiras. Como tantas outras (a calceta, o gancho, a repostería) paréceme esta unha actividade plenamente artística. Máis se a perruquería está en Addis e os cabelos permiten todo tipo de filigranas. Este é un lugar de sororidade, onde non hai ameazas, onde se ten tempo para falar. Malia as crenzas populares, nas perruquerías transcorren conversas que distan moito dos rexoubes. A miña discapacidade lingüística no presente contexto só me permite seguir os temas principais. As Nacións Unidas, Líbano, a presenza de Etiopía na prensa internacional... No noso soto, as mulleres sabemos o que pasa no mundo. Transformando coa arte do cabelo e das conversas o que nos rodea por vías non violentas.
Despois de tres horas de observar (eu) e trenzar (a miña perruqueira, unha artista de mans expertas e paciencia infinita) síntome un pouco máis preto das mulleres habeshas.
Anteriores: