A visita ao Sheraton déixame un triste sabor de boca. Addis está chea das sedes de organizacións supragobernamentais (as Nacións Unidas e as súas axencias, a Unión Africana, etc.). Mesmo recoñecendo o seu papel interesante no mundo, resulta triste comprobar que os poucos ricos que hai en Addis (ricos, ricos) son precisamente os que traballan nese tipo de institucións. Para min, contradictio in terminis. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.
Fóra de lugar
Cando entro nun hotel deste tipo, e vexo o buffet, o palco preparado para os discursos, un programa co representante de UNICEF, busco en seguida a cabina. Este é un ambiente habitual para min... cando traballo como intérprete. Busco ás miñas e aos meus estupendos compañeiros de traballo (Michael, Lara, Andrés, Ana e Nathalie, Laura...) cos que tantas horas comparto nese espazo tan reducido (incluso nalgúns casos, véxase case todos os edificios de Galicia que teñen cabinas, en condicións que atentan contra a saúde das traballadoras) pero non están. Estamos Zufan e mais eu e o grupo de Meseret.
Esta tarde chamoume por teléfono, ían actuar nun acto de UNICEF e convidounos a asistir. A min os discursos non me interesan, teño escoitados suficientes como para coñecer algúns de memoria. Só quero velas bailar. As persoas que asisten son para min aliens que están aló no alto, na burocracia. O grupo de danza de Meseret, Adugna, representa unha conmovedora actuación sobre a matanza de Soweto, acontecida hai exactamente trinta anos, durante unha manifestación de nenas e nenos, mozas e mozos, contra a imposición do Africaans como lingua do ensino durante o apartheid.
Marabíllame a danza, transpórtame a ese horror e suscita en min pensamentos de todo tipo, porque hai un ano aquí tamén morreron estudantes. Zufan e mais eu escapamos despois da actuación e deixamos os grandes discursos e debates para quen queira oílos. Reunímonos con Meseret e o seu grupo: Gobez, dígolles. Estupendo. Dentro dunha semana verémonos para compartir danzas e traballo coas comunidades urbanas. Tárdame.
Que pena de traumas
Á saída do Sheraton, ese hotel tan luxoso que en Addis constitúe unha atracción turística, resulta difícil atopar xa unha furgoneta que nos leve á casa. Zufan e mais eu camiñamos pola rúa abaixo falando. Falamos dos traumas que lles debe de causar a quen ocupa esas habitacións (o noso veciño Meshfin traballa no hotel e coméntanos que un cuarto poden custar entre 240 e 4000 dólares... que che pode ofrecer un hotel por 4.000 dólares??) saír á rúa e atopar os nenos en camiseta e sen zapatos pedíndolles cartos. Menos mal que aínda poden pagar o psicólogo. Animalciños de San Antonio...
Onde estabades?
A visita ao Sheraton déixame un triste sabor de boca. Addis está chea das sedes de organizacións supragobernamentais (as Nacións Unidas e as súas axencias, a Unión Africana, etc.). Mesmo recoñecendo o seu papel interesante no mundo, resulta triste comprobar que os poucos ricos que hai en Addis (ricos, ricos) son precisamente os que traballan nese tipo de institucións. Para min, contradictio in terminis.
Aínda máis grave ca iso o que expresan as palabras de Zufan: "O ano pasado, cando eses mozos morreron na rúa, onde estabades Unicef e Nacións Unidas? Ninguén dixo unha palabra". É bonito falar das cousas cando hai trinta anos que pasaron e a situación foi a mellor. Pero aquí, en Etiopía, resulta irónico falar de Soweto e pechar a boca sobre a proximidade dos eventos do ano pasado. As bocas seguen pechadas e seguirán pechadas mentres as altas instancias e a cidadanía do Norte sexamos cómplices co noso silencio. En Etiopía, falar págase co cárcere ou a morte. Nós que podemos, falemos sen demora.
Movámonos.
Se lembramos os trinta anos de Soweto é para non ter que lembrar ningún Soweto máis na historia africana.
Anteriores: