Se querían vender, por exemplo, froita polo miúdo, non tiñan os cartos suficientes para mercar por xunto no mercado de abastos a primeira vez. Eran cantidades irrisorias pero que podían cambiar a vida destas persoas. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.
Microcrédito, primeira achega
Hai máis de trinta anos, en Bangladesh, un profesor universitario ao que o réxime totalitario do momento obrigou a vivir no campo, entre a pobreza máis extrema, chegou á conclusión de que moitas mulleres dos arredores non daban saído dela porque carecían de cantidades ínfimas para poder poñer en marcha algunha actividade económica.
Se querían vender, por exemplo, froita polo miúdo, non tiñan os cartos suficientes para mercar por xunto no mercado de abastos a primeira vez. Eran cantidades irrisorias pero que podían cambiar a vida destas persoas. Ningún banco lles ía dar un crédito por 5 ou 6 euros, moito menos lles darían un crédito sen aval e finalmente as mulleres non entenderían os procedementos do banco, complexos e en texto escrito inaccesible para unha poboación analfabeta.
Foi así como Mohamad Yunus chegou á idea do microcrédito e o Grameen Bank, o chamado banco dos pobres. É así como a idea foi xermolando tamén noutros países ante os seus bos resultados. Porén, o microcrédito, como o propio Yunus di, non é a panacea e cómpre entender os seus défices tamén.
Microcrédito, primeira achega etíope
En Etiopía o goberno non permite que as ONGs xestionen programas de microcrédito. Só teñen permiso para facelo as organizacións financeiras como Gasha.
Gasha é a institución que proporciona microcrédito ás beneficiarias do noso proxecto con OPRIFS nos suburbios de Addis. A xuntanza co seu director proporcióname datos moi interesantes sobre o funcionamento da metodoloxía en Etiopía.
O diñeiro (parte del) co que IND colaborou neste proxecto depositouse en Gasha para que as mulleres do programa poidan tomalo prestado tantas veces como queiran sempre e cando devolvan os préstamos anteriores. A metodoloxía funciona a través de grupos, de forma que se unha das integrantes non paga, as demais teñen que facer fronte. É o que se chama o aval do grupo, o aval da presión social.
Comentamos os problemas atopados, as actividades restantes do programa (formación empresarial, capacitación). Mañá terei a oportunidade de falar coas mulleres para coñecer a versión para min máis importante dos resultados do proxecto. Logo haberá que ver como mellorar e como continuar. Sen avaliación é imposible saber cara a onde.
Anteriores: