Pensaban que a súa filla estaría mellor con aqueles ricos que pasando a fame no campo. Non podían darlle de comer. Así foi como a nena volveu escapar e rematou nas rúas de Addis.María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.
Reencontros felices?
O meu ordenador volve ás andadas. Igual que hai un par de anos na India, o "g" e o "h" rexeitan funcionar. Soluciónase fácil (permitídeme que ría), nada máis preciso un aspirador deses do coche. Tal e como imaxinaba, ninguén ten idea do que pode ser un aspirador, mesmo cando o conto a min me soa extraterrestre. É dicir, busquemos un plan B.Vou na percura dun teclado pola oficina adiante.
Entro con Mershaye no seu despacho para tomar emprestado o seu e vexo a muller pequena con cara triste sentada na porta. Saúdo e cando vou saír observo respectuosamente a escena antes de facer mutis. A nena chora tapando a cara. Dalgún xeito sei que non é un reencontro feliz como eses da tele. A mai fala con enfado. Logo pregunto e entendo o que vin. A nena estaba no refuxio, escapara da casa dunha familia que so promesa de alimentar e darlle unha educación á pequena e despois de mercarlles unha cabra á familia, no rural, púxoa a traballar sen máis como unha pequena escrava doméstica, maltrato de todo tipo incluído.
A nena fuxiu de volta á casa pero a familia non entendeu, non podían aceptala de volta, tiñan unha débeda contraída e os ricos xa se encargaran de contarlles algunha historia sobre a nena e o seu "mal comportamento". Pensaban que a súa filla estaría mellor con aqueles ricos que pasando a fame no campo. Non podían darlle de comer. Así foi como a nena volveu escapar e rematou nas rúas de Addis.
E en Addis foi recollida e acollida por OPRIFS. A psicóloga da organización fala coa familia. A mai entende por fin o acontecido. As repercusións da falta doutras cousas que non son só o alimento. Miro pola ventá cara á néboa agardando que ao cabo si sexa un reencontro, dentro do posible, feliz.
Anteriores: