Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS CENTRAIS PLANEAN ACCIÓNS DE FORZA SE A INDUSTRIA BAIXA OS PREZOS EN ORIXE

Sindicatos e industria, na Mesa do Leite

Medio Rural convocou para este mércores a terceira reunión da Mesa do Leite desde o cambio de Goberno. A situación non é doada: os sindicatos dan case por feita unha nova baixada dos prezos en orixe e anuncian accións "contundentes" se esta se confirma. A Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) agoirouna na súa revista Coyuntura. Malia todo, desde a Consellería recomendan agardarmos ao que pase hoxe a partir das 17.30 horas. "Faremos todo o posíbel para que os prezos se manteñan", sinalan. Suárez Canal remarcou que as negociacións coas industrias que operan en Galiza contribúen a apontoar o optimismo.

- 12:58 25/01/2006
Tags:

Segundo os datos de Unións Agrarias, unha baixada agora mesmo de tres céntimos no prezo en orixe suporía unha perda de até o 20% da renda mensual dos gandeiros galegos. A extrapolación do sindicato é que, de non manterse os prezos en orixe -0,29 euros/litro neste momento, o mesmo ca en 1990-, terían que pechar 6.500 explotacións das 16.149 existentes actualmente en Galiza.

Pola súa banda, o SLG amenazou con convocar mobilizacións se hoxe non se alcanza un acordo que evite a baixada de prezos. A secretaria xeral, Lidia Senra, remarcou tamén a necesidade de que as facturas das industrias "se entendan". Senra apuntou que o prezo mínimo que baralla o SLG para o leite tería que establecerse "arredor dos 30 ou 33 céntimos/litro".

Xóvenes Agricultores, o sindicato integrado na CEOE, reclamou o traslado da Interprofesional Láctea desde Madrid a Galiza. "Temos o 55% dos produtores do Estado español", lembrou Xan Pérez, o voceiro lugués de XXAA.

O martes, o conselleiro reuniuse co secretario xeral de Agricultura, Josep Puxeu, nunha xuntanza de transcendencia: ademais dos prezos do leite, falaron da supertaxa e do novo plan de reestructuración do sector lácteo que deseñou o MAPA, de especial incidencia en Galiza.

Desde Medio Rural lembran que a unificación das facturas das industrias é tamén un dos obxectivos da Consellería. Canto á baixada ou non dos prezos en orixe, insístese no optimismo e en posibeis sinerxias. "Hai que xerar complicidades entre as empresas que traballan en Galiza", din. "E xeralas a partir das nosas vantaxes comparativas".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: