"Sen a melodía das gaitas ninguén poderá sequera imaxinar Galiza", tén afirmado Manuel Fraga. Da recén descuberta presunta condición de "galeguista" de 1989 ao famoso "ornee quen ornee" de 2001, pasando pola choromicada da emoción de 1993, a crónica das tomas de posesión de Manuel Fraga nas súas sucesivas maiorías absolutas estivo marcada pola teima en multiplicar gaiteiros no Obradoiro logo de cada elección. Facemos repaso das aperturas de lexislatura da era Fraga.
Música de gaitas para o "máis galeguista ca ninguén"
"A nós ninguén nos gañará en galeguismo, pero tampouco que ninguén conte con nós para rachar o consenso Constitucional". Non lles tiramos esta frase da intervención de Manuel Fraga a pasada semana no Parlamento de Galiza. Hai case dezaseis anos desta, e a correlación de forzas tamén era 38 fronte a 37, só que a maioría estaba do lado do fundador do PP, que lle advertía aos deputados que ía "facer mellor Galiza para contribuír a facer mellor España" e subliñaba que "a miña maneira de ser español é ser galego". Fraga prometía espremer o estatuto de autonomía "ata as últimas consecuencias" e afirmaba que "toda a miña vida foi unha longa preparación para este momento".
Os paus dos antidisturbios bateron en febreiro de 1990 nas costas dos mozos que se aventuraron a facer brincaeira á beira da comitiva popular entre o Parlamento e a Praza do Obradoiro. A teatral chanza, con gaitas de xoguete incluído arremedando a toma de posesión á que acudiran 1.500 gaiteiros, rematou con máis dunha ducia de detidos. Nalgúns tapadillos populares non ocultaban o desacougo polos excesos da canfurnada preparada para esta cita: á sobredose de gaitas, con muiñeira especial para o acto, uníase unha merenda popular en Salgueireiños para medio milleiro de persoas, e decididos a bater récords, logo dos quilos de empanada e polbo, remataba a romería con ducias de litros de augardente amenizando unha macroqueimada. "Imos loitar polo entendemento e a avenencia de todos os galegos", subliñaba.
Dobre de gaiteiros e unha de polbo
"Viñeron de balde e non se lles pagou máis ca unha tapa de polbo", presumía don Manuel ás portas da cita electoral de 1993, retrucando as brincadeiras que o daquela presidente en Madrid, Felipe González, facía a conta dos gaiteiros da toma de posesión de catro anos antes. Fraga prometeu entón que os 1.500 gaiteiros de 1989 se convertirían en 3.000 se gañaba aquel mes de outubro. O feudo ourensán achegaría os buses de gaiteiros para acompañar unha marcha entre o Parlamento e o Obradoiro, onde xa asomaba o bigote de José María Aznar, entre outros líderes populares que viñan a acompañar a procesión.
Fraga viña de recuperar para o primeiro plano poucos días antes a súa proposta de administración unica para "a reacionalización do exercicio das competencias autonómicas", queixándose das "tensións territoriais provocadas polos nacionalismos" e pedindo "estabilizar a organización territorial do Estado, eliminado os regateos competenciais continuos".Máis de dúas horas de discurso do que o líder do BNG, Xosé Manuel Beiras, ironizou que "podía terse usado coma tortura nun cárcere franquista". "Parole, parole", subliñou o líder nacionalista sobre a lonxitude da intervención. Días despois e a pé da Catedral, Fraga botaba unhas bágoas co himno que xa viñera ofrecendo polo camiño e berraba sobre "o pobo que soña, traballa, loira e non esquece a poesía e o amor" .
Gaiteiros en herdanza
A "indisolúbel unidade da nación española" foi destaque especial no discurso de investidura de Manuel Fraga en decembro de 1997, no Parlamento que estreaba o liderado do nacionalismo galego nos bancos da oposición. Naquela data Emilio Pérez Touriño estreouse tamén coma voceiro pola parte socialista, definindo de "galería de tópicos" as palabras do líder do PPdeG. Co BNG coma novo adversario destacado no Parlamento, Fraga zoupaba contra a idea de "Estado plurinacional" e arrepúñalle ao Bloque o que bautizaba coma "galeguismo construtivo do PP".
Ä volta duns días, a canfurnada de gaiteiros seica sumaba xa os 5 mil músicos animando a comitiva popular polas rúas de Santiago. Daquela Fraga pedía que esa "marabillosa xuntanza acompañe a calquera que teña a honra de sucedernos". E á fin, pechaba acto cun "Viva sempre Galiza e os seus gaiteiros".
"Ornee quen ornee"
A crónica oficial eleva a seis mil o número de gaitas que aboubaron as rúas da capital galega aquel sábado de decembro de hai catro anos, malia que os recontos reais atrevan reducir os foles por metro cadrado a pouco máis de catro milleiros. Matemáticas aparte, o documento audiovisual que os galegos puideron ver pola TVG esforzouse en eliminar da banda sonora daquel día unha música que se escoitaba por riba das muiñeiras. E é que antes de marchar para as vacacións do Nadal, os estudantes acudiron a encher o percorrido do presidente coas súas protestas anti-LOU. Xa no Obradoiro, a complicada peregrinaxe dende o Hórreo ata as portas da Catedral provocou unha das frases máis sonadas do repertorio fraguiano: "Seguirei traballando por unha Galiza máis grande, ornee quen ornee".
Aló agradeceu Manuel Fraga a responsabilidade brindada unha vez máis "por este pobo maravilloso para engrandecer un chisco máis o mítico e nobre fogar de Breogán". Un agradecemento a "Deus e o Apóstolo Santiago, patrón das Españas e do antigo Reino de Galiza".
Destacada fora desta volta a presencia no acto e entre os convidados do daquela líder do BNG, Xosé Manuel Beiras. O voceiro do Bloque, que non asistira a ningunha das anteriores tomas de posesión de Fraga, marcaba así un novo chanzo na nova relación opositora, despois do apretón de mans que protagonizará poucos días antes no Parlamento co líder do PP. "É evidente que no debate de investidura o discurso de Fraga abriu un novo escenario no que tén que ver co estilo e forma de dirixirse o BNG como grupo parlamentario e forza política, na súa relación co presidente da Xunta".