A celebración do Ano Santo, que atraeu a milleiros de turistas á capital o ano pasado, non provocou que a provincia da Coruña superase á de Pontevedra no grao de ocupación de prazas dispoñíbeis nin no persoal empregado na hostalería. A ocupación de fin de semana roldou o 43% na Coruña fronte ao 50% rexistrado en Pontevedra, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.
Galiza recibiu 3.683.725 viaxeiros durante o ano pasado que pernoctaron en hoteis cunha estancia media de 2,14 noites e unha ocupación do 38% das prazas hostaleiras dispoñibles. A pesar da celebración do Xacobeo 2004 na capital, foi a provincia de Pontevedra a que conseguiu rendibilizar mellor o número de camas segundo os espazos hostaleiros ao pasaren os turistas unha estancia media superior á do resto do país.
Malia os datos do INE, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xesús Pérez Varela, reiterou o "éxito e récord" acadado polo Xacobeo 2004, pero esta vez non só en canto ao número de turistas, ao superar os 6,5 millóns no país, senón no volume de negocio xerado, ao achegarse aos 5.000 millóns de euros, cando as previsións iniciais apuntaban a uns 3.600 millóns.
O responsábel da Consellaría xa procedeu a reclamarlle ao Goberno central a revisión dos datos sobre a chegada de turistas estranxeiros a Galiza e manifestou a súa sorpresa polos datos recollidos na Enquisa de movementos turísticos en fronteiras, que indica que en xullo e en agosto os visitantes estranxeiros foron un 7,5% e un 11,9% menos ca no mesmo período de 2003.