Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Luís Puig, co-autor de 'Ferrol, miradas e andainas matemáticas'

"As matemáticas son un recurso imprescindíbel para comprendermos a realidade"

Nas nosas cidades estamos rodeados de conceptos matemáticos. Achegarse a eles para coñecelos é outro xeito de saber máis do lugar onde vivimos.

Fernando Arrizado - 19:45 03/05/2007
Portada do libro 'Ferrol, miradas e andainas matemáticas'

Portada do libro 'Ferrol, miradas e andainas matemáticas'

A pasada semana presentouse o libro Ferrol, miradas e andainas matemáticas, unha curiosa obra que mistura o coñecemento científico co coñecemento da cidade. Así, por exemplo, as formas dos famosos balcóns do Barrio da Magdalena serven para o estudo das curvas trigonométricas, cos capuces da Semana Santa analízanse as figuras xeométricas, e o tradicional arroz con leite ferrolán de San Xiao serve para se achegar ás medidas de peso e ás proporcións.

Vieiros falou con Luís Puig Mosquera, profesor de Matemáticas no IES Sofía Casanova de Ferrol e un dos autores e promotores do libro. Forma parte, ademais, da Xunta Directiva da Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática, AGAPEMA, e co-dirixe a revista que periodicamente esta sociedade edita, GAMMA: Galicia + Matemáticas.

Como xurdiu a idea para esta obra?
A idea non xurdiu de xeito repentino, foise xerando pouco a pouco. Nas conversas que mantivemos sempre estaba presente a faceta das matemáticas como recurso imprescindíbel para a mellor comprensión da realidade. A cidade representa unha das nosas realidades máis inmediatas, no seu coñecemento hai que impulsar a intervención do saber matemático. O libro recolle esta inquedanza: a necesidade de sumar a intervención das matemáticas á análise no percorrido pola cidade.

Canto tempo lles levou elaborar o libro?
Máis dun ano. Cómpre ter en conta que en primeiro lugar houbo que elixir os eixos sobre os que redactar os capítulos, recoller informacións complementarias: planos, guías, textos de historia, e outros variados, e, ademais, realizar unha innumerábel serie de fotografías de todo Ferrol. O asunto das fotos considerámolo primordial, xa que unha elección apropiada das imaxes resulta determinante para facilitar a comprensión nunha obra de divulgación destas características.

Cal é o principal obxectivo da obra?
O obxectivo é dobre. Por unha banda, dar a coñecer a cidade que é o noso entorno máis inmediato. Se a nosa vida transcorre na cidade, un primeiro paso é coñecela para identificarse con ela. Por outro lado, como xa dixen, pór de manifesto que as matemáticas son un instrumento máis para explicar os variados aspectos que unha cidade ofrece.

Este traballo, vese reflectido na aula? Forma parte do día a día cos alumnos?
Unha das proclamas da LOXSE foi a de partir do particular para ir ao xeral, dende o concreto ao abstracto. Na maioría dos casos esta premisa, que o libro reivindica, quedou en 'papel mollado'. A mensaxe do libro é podelo aplicar nas clases de calquera materia, non só nas de matemáticas. Malia saír publicado hai pouco, xa temos noticia dalgunhas experiencias realizadas ao redor das medicións de lonxitudes ás que dedicamos un capítulo. Tamén da intención dalgún profesor de Sociais para facer unha ruta pola cidade.

Cómpre revisar o modelo educativo ao respecto das matemáticas?
A filosofía educativa para idades temperás resúmese nun vello proverbio oriental que, de cando en vez, gústame lembrar: "Oio e esquezo, vexo e comprendo, fago e recordo". Quere isto dicir que o neno aprenderá máis e mellor canto máis participen da actividade coa que se trata de propiciar o coñecemento. Xa que logo, que mellor que a realización dunhas rutas matemáticas pola cidade para ver a xeometría da mesma e facer matemáticas, como di o proverbio, antes, durante e despois de cada ruta.

E noutras materias?
Naturalmente que é aplicábel a outras materias. De feito, aínda que as tintas cárganse sobre o punto de vista matemático, o noso libro trata de ser interdisciplinario, analizando tamén aspectos históricos, da arte ou da técnica.

Até que punto as matemáticas forman parte das nosas vidas?
Sen decatármosnos, a nosa vida cotiá está chea de matemáticas. Unhas matemáticas nada molestas; ao contrario, unhas matemáticas que facilitan a orde diaria. Por exemplo, o calendario en torno ao que se organiza a sociedade, aínda que promulgado polo papa Gregorio XII, tivo que ser estudado por matemáticos para chegar a precisión de hoxe. O mesmo poderiamos dicir da hora, á que todos estamos sometidos.

Volvendo ao libro, resulta moi curioso o capítulo "As nosas festas", no que as matemáticas xiran en torno ás rosquillas da Romaría de Chamorro e ao arroz con leite.
Pois si, se queremos explicar a realidade dunha cidade é evidente que as festas constitúen unha faceta máis. Polo tanto, haberá que analizalas. Mais, que matemáticas podemos atopar nas festas? Hai tamén matemáticas nas festas? As matemáticas, aínda que ás veces de formas menos evidentes, están sempre presentes.

Por exemplo, en calquera romaría galega están presentes as rosquillas. A súa forma xeométrica, como a roda dun automóbil, é a dun corpo que en matemáticas se chama "toro". O cálculo do seu volume é unha das actividades das que dá conta o libro.

O caso do arroz con leite é xa máis particular de Ferrol. O día do seu patrón, san Xiao, é costume tomar arroz con leite de sobremesa . As proporcións e os pesos dos ingredientes son os pretextos matemáticos neste caso.

Hai previsións de 'exportar' o modelo a outras cidades e vilas galegas?

A nosa sociedade, AGAPEMA, xa está a preparar a edición dun novo título: Paseos matemáticos por Galicia. Neste novo libro, ademais de Ferrol, figuran outras localidades como Pontedeume ou Santiago. Tamén inclúe unha análise dos labirintos dos castros.

Que é AGAPEMA?

AGAPEMA son as siglas da Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática. Xurdida co ano 2000, ano mundial das matemáticas, é o referente en Galiza en canto á educación matemática. Conta con case 400 profesores socios, e as súas actividades multiplícanse: concursos matemáticos escolares (Olimpíada, Rallye matemático e Rebumbio), publicacións (A revista GAMMA e a colección de divulgación Lemniscata), congresos bianuais, Muralla matemática en Lugo, celebración do Día escolar das matemáticas na Coruña, exposicións matemáticas, a Escola de Educación Matemática Miguel de Guzmán e un largo etcétera.

Que proxectos ten en mente AGAPEMA e, máis concretamente, Luís Puig?
AGAPEMA, nestes intres, está na liña de tratar de consolidar o moito que se fixo nestes sete anos escasos de existencia. Sen pechar a porta a novas iniciativas, o calendario de actividades é nestes momentos completísimo. Por iso, como dicía, trataremos de manter este ritmo que, por veces, é realmente frenético. Persoalmente, seguirei a tratar de achegar a miña experiencia nesta ilusiónante -e inacabábel- tarefa de mellorar a educación matemática dos nosos mozos.


Ligazóns

4,58/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dous dodecaedros no Baluarte de San Xoán, Ferrol
Dous dodecaedros no Baluarte de San Xoán, Ferrol
Garita de vixilancia, con dobre pirámide, nos Xardíns de Herrera
Garita de vixilancia, con dobre pirámide, nos Xardíns de Herrera