Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Pontevedra: A cidade que cheira futuro

A cidade do Lérez viviu nos últimos tempos importantes cambios. E a saída de ENCE promete ser outro punto de inflexión a prol do impulso desta urbe. Demograficamente, era a sétima cidade até hai ben pouco. Agora é a sexta, e aspira a seguir gañando posicións.

Roberto Noguerol - 09:00 20/05/2007
En 2005 Manuel Fraga advertía de que o executivo galego que aspiraba a reeditar amarraría a continuidade da pasteira de ENCE en Pontevedra. Caído Fraga, o caso Touriñán é exemplo de como o PPdeG segue concedendo en arramplar con espazos naturais privilexiados en beneficio de proxectos de dubidoso beneficio socioeconómico para o contorno local. Mais en Pontevedra os populares xa non teiman coa continuidade da celulosa e o seu actual candidato mesmo desembarcaba nesta campaña insinuando a equivocada estratexia do seu partido con este asunto. O consenso actual da sociedade pontevedresa en desprendérense desta cheirenta herdanza do pasado é un sinal da renovada aposta de futuro. Reencontrados cunha certa autoestima de cidade, os veciños ventan que Pontevedra cheira a futuro.

Modelo urbano do BNG
Con Anxo Quintana ao temón, Allariz convertérase nos últimos lustros no modelo de concello co que os nacionalistas galegos defendían o seu proxecto de país e presumían da súa capacidade de xestión. E o que o concello ourensán foi para o contorno do rural, o Bloque confía en conseguilo no ámbito urbano a través de Pontevedra.

A cirurxía municipal do doutor Miguel Anxo Fernández Lores é clave na operación transformadora dos últimos anos. A loita contra a planta de ENCE foi un complicado labor de pedagoxía cidadá que exemplifica o pulso que o BNG lle botou a poderosos intereses en favor dunha oportunidade de futuro para a ría. En parecida liña, o presuntamente irrecuperábel lodeiro do Lérez apareceu agora reconvertido nun saneado río onde o rexedor improvisaba hai poucos meses unhas lapexadas. E non pouco didáctica foi tampouco a aposta pola peonalización de rúas, fortemente contestada por cidadáns e rivais políticos que ao cabo lle acabaron dando a razón ao goberno local e recoñecendo o papel revitalizador do centro urbano que protagonizou esta iniciativa. Son apenas tres exemplos dos valores cos que o BNG pontevedrés chega a esta cita coas urnas con encendido optimismo.

Telmo: o candidato "construtor"
De "raposo no galiñeiro" cualifican nacionalistas e socialistas a pretensión do candidato Telmo Martín de saltar á alcaldía pontevedresa. Co urbanismo ascendendo ao primeiro plano dos debates de precampaña e moi especialmente coa crecente percepción social de que o alcalde-construtor é unha mala opción para calquera concello, os populares fixeron unha paradoxal e probablemente errada escolla para Pontevedra.

Telmo Martín chegou de rebote á candidatura do PPdeG para a cidade. Conscientes da esmorecente situación na cidade, os populares propuxéranse a tarefa de que a reconstrución do partido na cidade fose pilotada estreitamente desde a executiva. A ex conselleira Pilar Rojo ou o ex conselleiro Xosé Manuel González foron as bazas que máis soaron nos últimos meses. Mesmo se especulara con que puidese recuncar Teresa Pedrosa, candidata que en 2003 colleitou unha caída menos forte da que se lle agoiraba aos populares. O obxectivo da transición, loitar por manter porcentaxes de voto en beneficio da deputación provincial. Cunha discutíbel xestión urbanística en Sanxenxo, Telmo Martín chimpa a ría cara a Pontevedra con propostas innegábelmente prendidas de ladrillo e formigón e unha significativa inxección económica no despregue de medios para esta campaña electoral.

Indefinición no PSdeG local
Non era Teresa Casal a primeira opción da dirección socialista para o asalto á alcaldía pontevedresa, desafío para o que o Antón Louro, deputado do PSOE en Madrid, semellaba unha alternativa preferida. As reticencias de Louro, unidas aos gorentosos resultados do PSdeG en 2005 nas mesas electorais da cidade, animaron os socialistas a conformárense cunha candidata que en todo caso, amosara un carácter implacábel no proceso de recomposición do partido, débil e inestábel a nivel local durante moito tempo, con pequenos pulsos internos mesmo fronte á executiva touriñista.

Con todo, os socialistas confesan que non agardan que esas cifras vaian ser extrapolábeis a estas eleccións e considerarían un éxito que o incremento que agardan se traducise en dous asentos máis no Concello. Como estratexia de campaña, Casal escolleu un relativo afastamento do seu propio protagonismo como socia do goberno local dos últimos catro anos, ensaiando un belixerante discurso cara á alcaldía.

Novas relacionadas

"A xente confirmou na rúa que ENCE ten que irse", segundo Lores

"Foi un éxito en todos os sentidos" dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en relación coa manifestación que se celebrou o pasado...

Catro mil persoas esixen que Ence e Elnosa marchen da ría de Pontevedra

Os participantes na manifestación convocada pola Asociación pola Defensa da Ría pediron a “desaparición definitiva e inmediata” de Ence e Elnosa de...

Os veciños da bisbarra de Pontevedra non queren dar pasos atrás na loita contra Ence

Este sábado celebrase unha nova edición da Marcha contra Celulosas, co obxectivo de impulsar definitivamente a saída de Ence-Elnosa da ría de...

A volta

Miguel Anxo Fernández Lores [despois de que lle impedisen dar un mitin en Estribela]: "Ence e Elnosa non escatiman esforzos para se perpetuar en Lourizán sen diálogo nen negociación posíbel, con actitudes agresivas como este episodio no que contaron tamén coa colaboración de coñecidos militantes do PP en Lourizán"

A volta

Telmo Martín: "A portavoz socialista vota unha cousa nas comisións e á saída, ante os micrófonos, di o contrario. Só hai unha explicación posible a esta esquizofrenia política e é sencillamente que para ela a prioridad é manterse no sillón de primeira Tenente Alcalde que non o interese xeral dos pontevedreses a ela dálle igual"

A volta

Teresa Casal [a Telmo Martín durante un debate na Radio Galega e referíndose ás presuntas irregularidades urbanísticas vencelladas ao ex rexedor en Sanxenxo]: "Á política hai que chegar coas mans limpas e saír dela coas mans limpas"

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O reparto que saiu das urnas en 2003
O reparto que saiu das urnas en 2003
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG
Telmo Martín, candidato do PPdeG
Telmo Martín, candidato do PPdeG
Teresa Casal, candidata do PSdeG
Teresa Casal, candidata do PSdeG