Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fomento estuda unir Ponferrada e Ourense por Monforte ou por Trives

A autovía A-76 enfronta ás comarcas das dúas beiras do Sil

Os catro percorridos alternativos da autovía que vai unir Ponferrada con Ourense (tres por Monforte e un por Trives e Caldelas) están a ser analizados polo Ministerio de Fomento. Este, á espera do estudo de impacto ambiental, tomará unha decisión definitiva a finais de ano. Mentres os veciños e políticos da zona seguen o proceso moi de preto.

F. Arrizado Abuin - 10:28 13/03/2007
Xosé Blanco, secretario de Organización do PSOE, aseguraba hai uns días, que a autovía A-76 que unirá Ponferrada con Ourense vai pasar por Monforte de Lemos. As declaracións provocaron un grande rexeitamento na outra beira do río Sil, nas comarcas de Trives e Caldelas, que defenden o percorrido da nova vía polas súas terras.

Unha delegación de alcaldes da zona viaxou a Madrid o pasado xoves para se entrevistar co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Víctor Morlán. Este tranquilizou á comitiva, alegando que os catro percorridos propostos pola empresa encargada do estudo, Proinsa, están a ser analizadas. Será de hoxe en seis meses, cando o ministerio tome a decisión definitiva.

Catro posibilidades

Os técnicos de Proinsa propuxéronlle ao departamento que dirixe Magdalena Álvarez catro percorridos alternativos para autovía Ponferrada-Ourense. O primeiro seguiría o trazado da actual N-120, que sufriría un desdobramento. O segundo, similar, só variaría nun desvío nos concellos do Bierzo e de Valdeorras até chegar ao Barco. A alternativa número catro seguiría o trazado da N-120 até Monforte e, dende aí, descendería cara o sur evitando o río Miño.

O corredor número 3, único que non contempla o seu paso por Monforte, chegaría até a Rúa pola N-120, mais sen entrar nas comarcas da outra beira do Sil. Atravesaría os municipios de Larouco, Trives, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Xunqueira de Espadañedo e Esgos, até chegar a Ourense.

Esta opción é a defendida pola Plataforma pro-autovía A-76. Corredor 3 por Ourense. Domingo Diéguez, membro da directiva, salienta que "é a de menor impacto ambiental, a que menos quilómetros ten e a única que lle podería dar servizo a estación de esquí de Manzaneda".

Mais, sobre todo, Diéguez afirma que é a derradeira oportunidade desta zona para se enganchar ao desenvolvemento económico. "Temos unha estrada terceiromundista, feita polos romanos, afastada dos centros de saúde e da administración". "Xa nos roubaron a N-120 e agora quérennos quitar a nosa última posibilidade de progreso", sinala, para engadir que "non digo que Monforte non mereza a autovía, só digo que sería inxusto que nós quedásemos sen ela".

A posición monfortina

O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, afirma non querer entrar en polémicas políticas cos seus veciños do sur, mais sinala que "mentres PSOE e PP defenden intereses localistas, o BNG defende a construción e a estruturación global do país". O edil nacionalista amósase seguro de que a A-76 chegará a Monforte, xa que o proxecto "naceu así". En calquera caso, di que estarán "expectantes" ao que vaia acontecendo.

Non en van, a reconversión da N-120 en autovía foi un dos compromisos electorais de Touriño no 2004. Algo que volveu confirmar Xosé Blanco coas súas palabras. Mais entón, como nace a polémica?

É certo que o proxecto estaba destinado a ser unha nova vía de acceso á Meseta polo centro do país. Cómpre sinalar que o BOE de 15 de febreiro de 2006 recollía a resolución de Fomento de adxudicar a Proinsa o estudo informativo do tramo da Autovía Ponferrada-Ourense, A-76, "polas provincias de Lugo e Ourense".

Porén, os técnicos incluíron o polémico Corredor 3, como unha outra posibilidade. Tamén, xa no 2004, o ministerio contemplaba o tramo Monforte-Ponferrada como "unha ampliación da autovía Chantada-Monforte", incluída no Plan Galicia.

Fins electoralistas

A construción da A-76, ademais de estar a provocar un intenso enfrontamento entre comarcas, está, a súa vez, a ser aproveitado pola clase política con claros fins electoralistas. Como mostra, o cesamento a pasada semana de Francisco Xosé Fernández como presidente da Plataforma pro-autovía A-76. Corredor 3 por Ourense, que agrupa a diferentes asociacións de 22 concellos da zona Caldelas-Trives.

Fernández puxo o seu cargo a disposición da asemblea, logo das criticas suscitadas entre os alcaldes populares da zona, pola intención deste de presentar unha candidatura á alcaldía da Pobra de Trives. Consideraban os mandatarios que a decisión era unha politización da Plataforma e un ataque directo ao actual alcalde do PP Luís Álvarez, quen declarou sentirse enganado: "Cando aceptou a presidencia dixo que non debería estar un alcalde para que fose apolítica".

Politización do intereses veciñais

Porén, a Plataforma dista bastante de ser apolítica. Cada concello conta con dous representantes na mesma que, nun principio deberían de ter sido elixidos polos veciños, previa convocatoria dos seus respectivos alcaldes. Mais a maioría non cumpriu co estabelecido, e seleccionou os seus delegados persoalmente.

Como consecuencia disto, a presenza de gobernantes na asemblea é abafante. A isto súmase o feito de que, agás Castro Caldelas (PSdeG) e San Xoán de Río (Independentes), todos os concellos están baixo a batuta popular.

Este cariz conservador é aproveitado por moitos veciños de Monforte -e cada vez máis polos de Trives e de Caldelas- para acusar á plataforma de estar dirixida por "Baltar e Cía.", en referencia ao presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, para facer as súas "renarterías electorais".

Polo momento, Alfredo Estévez Carballo é o novo elixido para ocupar o posto de presidente da Plataforma trivesa, e defender os intereses das numerosas asociacións profesionais e culturais sen vinculación política algunha.

Novas relacionadas

O colectivo a prol da A-76 por Trives estuda denunciar a Xosé Blanco

O presidente da Plataforma Pro A-76, corredor tres, por Ourense, Francisco Xosé Fernández quere poñer en coñecemento da fiscalía unhas declaracións do...

Creada en Trives a Plataforma para reclamar que a autoestrada pase pola súa comarca

Representantes de doce concellos da provincia, membros de colectivos culturais, empresariais e sociais forman parte da chamada "Plataforma pro A-76,...


A volta

O país sofre un déficit histórico de infraestruturas. O que acontece ás dúas beiras do Sil repítese demasiadas veces en moitas comarcas galegas.

A volta

Galiza precisa políticas globais que fuxan no posíbel dos localismos. Agora ben, os políticos non poden esquencer a situación que viven as bisbarras do interior onde a miúdo os seus veciños están condenados a seren cidadáns de segunda.

A volta

Os gobernos deben traballar polo desenvolvemento de todo o país e evitar as guerras tribais, a miúdo fomentadas por aqueles que só buscan un resultado electoral para conservar (ou acadar) a poltrona.

4,83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: