Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Valdeorras

Edición xestionada por Gustavo Docampo
RSS de Valdeorras
FUTURA AUTOESTRADA A DEBATE

Creada en Trives a Plataforma para reclamar que a autoestrada pase pola súa comarca

Representantes de doce concellos da provincia, membros de colectivos culturais, empresariais e sociais forman parte da chamada "Plataforma pro A-76, corredor 3 por Ourense". A nova plataforma servirá para reivindicar que a futura autoestrada Ponferrada-Ourense pase polas terras de Trives e Castro Caldelas. Esta petición poderase facer realidade se o Ministerio de Fomento elixe o corredor número tres dos varios propostos no estudo de impacto ambiental.

- 09:12 09/01/2007
Tags:

Despois de constituír a plataforma esta semana presentarán o manifesto no que se recollerán as bases da súa petición. O escrito que está en elaboración será remitido a todos os concellos para pedir o seu apoio. Na reunión celebrada o pasado día 3 no Centro Comarcal Terras de Trives, elixiuse unha directiva da plataforma que estará encabezada polo presidente dos empresarios da comarca, Francisco José Fernández. No encontro estiveron presentes representantes dos concellos de Trives, O Bolo, Castro Caldelas, Manzaneda, Maceda, Chandrexa, Montederramo, Parada do Sil, Pereiro, San Xoán de Río, A Teixeira, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Os concellos de Ourense, Esgos, A Veiga, Larouco e Vilamartín e Carballeda non estiveron presentes na reunión pero si expresaron o seu apoio. A próxima reunión da plataforma será o próximo 17 de xaneiro.

A iniciativa da plataforma está recibindo apoios de varias institucións e entidades. O pleno da Deputación de Ourense aprobou na súa última sesión plenaria do ano unha moción de apoio que foi aprobada cos votos do PP e a abstención de PSOE e BNG.

Esta semana o pleno do Concello de Ourense tamén debaterá unha moción de apoio á plataforma e as súas reivindicacións. Hoxe o PP ourensán rexistrou a moción que se debaterá o venres na sesión do mes.


0/5 (0 votos)