Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Iglesias

Escenas de auto-odio (1)

12:20 07/06/2010

Despois da Guerra Civil, estaba prohibido falar en galego na escola e miña nai recorda que cando alguén teimaba a en desafiar a autoridade do mestre, tirábanlle fóra o idioma a labazadas. Semellante violencia practicada sobre os nenos polos antecesores ideolóxicos dos que agora defenden o pragmatismo da amnesia social, provocou que toda unha xeración desenvolvese mecanismos de protección internos. Así, o galego ficou desterrado da vida social; en particular nas cidades e de maneira especial na relación dos pais cos fillos.

Este é un dos motivos polo cal a maioría dos galegos urbanos menores de cincuenta anos teñen a día de hoxe o castelán como lingua materna. Polo mesmo, moitos deles levan no seu interior un galegofalante frustrado, e hainos que non perden a ocasión de utilizar o idioma cando teñen a oportunidade. Así, por exemplo, cando un destes galegos urbanos acode a un establecemento hostaleiro como pode ser unha casa de turismo rural, normalmente e salvo que o nivel de estrañamento da lingua galega teña acadado cotas preocupantes, procura utilizar o seu galego enferruxado nese lugar.

A conversación inicial entre o galegofalante ocasional e o encargado da casa de turismo rural pode transcorrer como segue: “Bos días, nós temos unha reserva”, dirá, escollendo coidadoso as palabras para non meter a zoca dándolle unha couce ao dicionario. E  a continuación escoitará a resposta na boca do encargado: “¿Y a nombre de quién?”. E o galego urbano non entenderá por que teñen que responderlle en castelán se el está falando en galego. Pero todo ten unha explicación.

En primeiro lugar sucede que o galego urbano non ten acento galego e constrúe as frases con sintaxe castelá e no hotel, pensando na súa comodidade, pretenden axudalo falándolle en castelán: como un faría cos nenos, para entendérmonos. Ademais, o encargado do establecemento sente a necesidade de dicirlle: “Seica non sabe que aquí tamén falamos castelán? Estes señoritos pensan que non temos mundo ningún”. E do mesmo xeito que o galego da cidade procura practicar o seu galego, o galego do interior esfórzase por utilizar o castelán: “¿Encontró sin dificultad la Avenida de la Tierra Llana como le dije en el correo?” (Asegúrolles que teño escoitado tal cousa na boca dun hostaleiro).

En diante e durante todo o tempo que permaneza no hotel, o falante ocasional vivirá unha situación esquizofrénica. El pensa que unha vez identificado como galegofalante diante dos responsables do hotel, debe continuar expresándose en galego con eles. Coa súa familia, non obstante, empregará o castelán como adoita facer decote. Tamén as respostas que recibe da parte dos traballadores da casa son en castelán. Por último, e para acabar de complicar as cousas, os empregados da casa falan galego entre eles. E, agora si, o hóspede non entenderá nada e pensará que mellor tería feito pasando as vacacións en Asturias.

O sentimento de auto-odio non é máis que a manifestación dun profundo complexo de inferioridade. Prometo contarlles novos casos de auto-odio outro día.

4,79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Iglesias naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña. É licenciado en Económicas e traballa no eido da formación corporativa. Ten publicado as novelas "O soño do falcón" (2003) e "Daniel e a porta do ceo" (2008). »



Anteriores...