Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Iglesias

O Oasis galego

10:20 22/04/2010

Desde hai días, a oferta dun grupo investidor estranxeiro para facerse co control da operadora R ocupa as cabeceiras de xornais e informativos. Por sorte, recentemente a Caixa Galega, accionista maioritaria de R, informou que tiña rexeitado a oferta por tratarse dun investimento rendible para a Caixa e estratéxico para Galicia. A declaración dun responsable da entidade financeira era ben explícita: “nin vendemos, nin venderemos; temos un compromiso a longo prazo cos galegos e non quero que pensen que estamos aquí exclusivamente para arrapañar cos cartos”.

Superado o meu desacougo, entrei nunha tenda de Zara Home coa intención de comprar unha gravata e un par de camisas. A dependenta, moi amable, agasalloume cunha edición de peto dos Eidos publicada por Inditex para conmemorar o ano dedicado a Novoneyra. É sorprendente que os gurús do márketing teñan tardado tanto tempo en decatarse da simpatía que esperta entre os consumidores o uso do galego. De feito, a calidade da oferta e a proximidade que fornece o uso continuado do idioma, teñen consolidado en pouco tempo algúns novos modelos de negocio en Galicia.
 
Tamén o Deportivo da Coruña - ese club antes coñecido como Deportivo de La Coruña - ten asinado un convenio publicitario coa Estrela de Galicia para lucir o nome das cervexas nas camisetas. Eu non teño moito interese polo fútbol, pero celebro que esta empresa teña galeguizado a súa marca comercial, adoptando a estratexia que con tanto éxito desenvolven desde hai tempo outros empresarios como son os produtores de viño. E por suposto que non se trata dun caso illado: tamén ese supermercado que nos invita a vivir como galegos, consecuente coa súa publicidade, tomou a decisión de rotular no idioma os produtos da súa marca branca.
 
Por certo, e falando de facer país a través da economía, celebro que o centro de decisión de Fenosa permaneza en Galicia despois da negativa do Banco Pastor a vender a súa participación na eléctrica. De feito, Fenosa debería ser patrimonio de todos os galegos, pois fomos os consumidores os que contribuímos a poñer en pé a empresa durante as décadas nas que actuou como un monopolio, para que ao cabo alcanzara a eficacia da que goza na actualidade. Porque se hai algo do que saben as nosas empresas é de enerxía, como puxo de manifesto a Xunta no último concurso eólico, confiando nos empresarios galegos para promover o desenvolvemento desta industria estratéxica. E desde aquí quero darlle o parabén ao Presidente por non ter cedido diante da voracidade das multinacionais, pois todos sabemos que estas empresas non habían reinvestir os seus rendementos en Galicia.
 
Sentín dicir que mesmo vascos, cataláns e madrileños gaban agora o que eles chaman o Oasis económico galego e semellan estar dispostos a reproducir o noso modelo nas súas Comunidades. Claro que non ha serlles doado. Para acadar o éxito galego necesitan un pobo solidario e orgulloso de si mesmo como o noso. E iso non pode improvisarse de hoxe para mañá. Tarde piaron.

4/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Iglesias naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña. É licenciado en Económicas e traballa no eido da formación corporativa. Ten publicado as novelas "O soño do falcón" (2003) e "Daniel e a porta do ceo" (2008). »



Anteriores...