Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Máis de 38 mil asistentes

Remata o Cineuropa máis diverso da historia

O festival cinematográfico organizado pola concellaría de Cultura compostelá consolídase como a principal cita coa sétima arte no país.

Redacción - 18:30 03/12/2009
O cineasta Fernando Trueba recibiu un dos premios Cineuropa 2009

O cineasta Fernando Trueba recibiu un dos premios Cineuropa 2009

Un ano máis, o festival Cineuropa, organizado pola concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, bateu marca de asistencia. Nesta edición 23 asistiron ás proxeccións algo máis de 38 mil persoas, fronte ás 37 mil de 2008 e as 30 mil de 2007. Deste xeito, consolídase como a cita ineludíbel do cine no país, pois, a pesar de reducir o número de salas, mantivo o crecemento de público.

Nas catro salas habilitadas (o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Aula Sociocultural de Caixa Galicia e a Sede da Fundación Caixa Galicia) proxectáronse do 4 de novembro ao 2 de decembro 160 filmes de todo o mundo e cinema do país. Cinema que o festival seleccionou polo seu compromiso e a súa calidade e co obxectivo de mergullar a audiencia noutas culturas e noutras realidades. O programa complementouse cun Concerto Especial dos Beatles, que se organizou na Sala Capitol.

Gañadores
O filme máis puntuado pola audiencia da Sección Oficial de Cineuropa foi Looking for Eric, de Ken Loach, que acadou un 8,46. O segundo posto foi para Welcome, de Philippe Lioret, cun 8,32 e o terceiro, Le hérisson, de Mona Achache, cun 8,3.

En Panorama Internacional, valorouse cunha puntuación máis alta City Island, de Raymond de Felitta (7,8), mentres que o primeiro posto de Mundo Asia foi para Ai no mukidashi (Love Exposure), de Sono Sion, tamén cun 7,8. Esa mesma puntuación foi para o primeiro da categoría Doc-Music, Soul Power, de Jeffrey Levy-Hinte, e para o primeiro de Documentos, Memoria Presente, Familystrip, de Luís Miñarro. Na sección de Fantastique Compostela o primeiro posto foi para Surveillance, de Jennifer Lynch, con 6,8, e en Conexión Bos Aires, La próxima estación, de Pino Solanas, cun 7,5.

Como xa vén sendo tradicional, o evento premiou dous persoeiros relevantes no mundo do cinema internacional: Fernando Trueba, gañador dun Oscar e que concorre ao premio estadounidense c'O baile da vitoria, que se estreou en Cineuropa, e Mabel Rivera, actriz galega comprometida e preocupada polas situacións inxustas que percibe ao seu redor.

Cunha oferta máis diversa ca nunca, con música, mesas redondas, visitas de directores, premios e un púbico masivo, Cineuropa despídese até o vindeiro mes de novembro, xa en 2010.


4.3/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: