Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EDITORIAL

Independencia, creatividade e esplendor

No limiar da edición facsimilar do Vieiros de México (1959-1968), publicada por Edicións A Nosa Terra, Margarita Ledo principiaba: “Estás tocando galego, como decisión de sermos independentes, criativos e esplendorosos”. A histórica publicación da que collemos o nome procurou unha Galiza moderna, aberta a Portugal, feita desde o exilio e a emigración para unha comunidade única de galegos no mundo. Esa foi a arela que tiveron aqueles visionarios (Luís Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado...). É unha forma de entender Galiza, de pensar o país dun xeito moderno, ecléctico e desacomplexado. Foi a base editorial do actual Vieiros.

Manter esa liña e o noso labor informativo diario consolidounos como referente. O seguimento da crise do Prestige pode ser un exemplo paradigmático, Vieiros, espremendo ao máximo os seus limitados recursos abriu unha fenda nun contexto de forte presión censora. Esa forma de facer, aplicable a moitos máis casos, foi o espirito do que nunca desfalecemos.

Dedicámonos asimesmo a abrir o campo de xogo, demos voz a todas as sensibilidades dunha sociedade plural que compartía a arela de defender e facer avanzar o país. Nel sempre estivemos centrados, tanto editorial como formalmente, pensando o mundo desde aquí.

Vieiros optou desde os seus comezos por converterse no medio de comunicación dunha sociedade que estaba por vir, pero que un día chegaremos a ser. Camiñar cara a realidade na que nos gustaría vivir implica non deixarse controlar. A nosa radical independencia trouxo custos. Vivimos nun país cun escaso nivel de cultura democrática, cun quefacer informativo moi centrado en persoas no canto de ideas ou procesos. Informar desde esa postura independente e poñer ideas enriba da mesa provocou problemas, incomprensións e mesmo ataques desde todas as opcións ideolóxicas.

Pero tamén é xusto dicir que neste camiño gañamos moitos amigos e moitos parabéns. Aquí sempre atoparon abeiro todas aquelas persoas e entidades que buscasen un espazo aberto, plural, normalizador, independente e en galego. Sempre cremos que entre todos, sexan de quen sexan, con repecto e esforzos compartidos, é como vai avanzar o país.

Ao longo destes quince anos, o editor e todos os que aquí traballaron, especialmente os directores Daniel, Rocío, Anxo, María e Ramón, así como Roberto, o xefe de redacción, e os xornalistas que até aquí chegamos, compartimos a idea de que este medio se tiña que ir facendo en colaboración con opinadores e lectores. E así foi, mesmo contando con personalidades tan plurais, demos conseguido manter unha liña editorial clara ao longo do tempo e realizar un xornal que moito máis que dunha ou outra persoa foi un logro colectivo. Esa foi a nosa máis rendíbel aposta pola creatividade.

A maiores desta, esplendor e independencia, foi o que intentamos achegar a uns lectores que coma ti son creativos, respectuosos, ilusionados, críticos e solidarios, en definitiva, esplendorosos e independentes, e agardamos ter aberto novas rutas para que o país, algún día, tamén o sexa.

Vieiros - 00:00 24/07/2010
Tags:


4,92/5 (87 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: