Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROXECTARÁ 150 FILMES DENDE O 3 DE NOVEMBRO

Cineuropa estreará 'A noite que deixou de chover'

O festival incluirá unha retrospectiva do francés Olivier Assayas, na que se poderá ver o seu filme máis recente: 'As horas do verán'.

Redacción - 18:20 20/10/2008

Seica ao cabo escampou para A noite que deixou de chover. O filme foi filmado integramente en Santiago o pasado verán, baixo a dirección de Alfonso Zarauza, e con Luís Tosar, Nora Tschirner, Miguel de Lira e Mercedes Sampietro no seu elenco de actores, e poderase ver en Cineuropa a partir do día 4 de novembro.

Recrea a bohemia compostelá e a vida nocturna da cidade. O protagonista, Spleen, interpretado por Tosar, é un home que sae mercar pan a primeira noite que escampa a choiva logo de tres meses; só lle gustan tres cousas na vida: Valle-Inclán, The Smiths e as mozas malas con perrera, e esa noite coñece á 'Rusa', outra "alma" que coma el "vagabundea pola noites de Compostela". Xuntos realizan un percorrido pola cidade que cambiará as súas vidas.

O propio Tosar sinalou que a cidade non aparecerá retratada, como é habitual, como un lugar no que "os protagonistas non son o Xacobeo, o turismo e a hostelería", senón que terá un papel principal "a noite", o momento no que "os personaxes se xuntan para beber absenta e licor café e falar de poesía maldita".

A noite que deixou de chover, tamén coñecido como Spleen e A noite da maga e o pan, obtivo o premio ao mellor guión no Festival de Cinema Latino de Os Ánxeles e participou nos festivais de Valladolid, Viña del Mar e Sao Paulo. A película é unha coproducción entre Iroko Films e Can Verde Films, producida por Harold Sánchez e Manuel Cristóbal e co apoio do ICAA, a Xunta de Galicia, a TVG, a Filme Comission de Santiago de Compostela e a Axencia Galega do Audiovisual. Alfonso Zarauza, guionista, director do filme e experimentado curtametraxista, convértese no quinto director que realiza a súa ópera prima con Iroko Films, produtoras caracterizada por apostar por novos valores.

150 filmes no festival
O Festival inaugurá a súa 22ª edición o 3 de novembro coa estrea do filme A boa nova, un filme sobre o papel da Igrexa durante a Guerra Civil, dirixido por Helena Taberna e protagonizado por Unax Ugalde. Actor e directora estarán esa semana en Compostela presentando a película. Un día despois comezarán as proxeccións públicas, con A noite que deixou de chover, que participará na sección oficial do Festival.

En total, serán 150 filmes, entre os que destacan unha retrospectiva do francés Olivier Assayas, que incluirá a estrea da súa película máis recente, As horas do verán. O festival dedicará unha atención especial, igualmente, ás novidades do cinema latinoamericano do último ano, e aos filmes premiados nos máis importantes festivais do continente, como Cannes, Berlín ou Venecia.


4.83/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: