Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

O centenario de Tacholas

20:07 03/09/2009

O director da Radio do Ceo, Luís Seoane, pensa que tamén aquí enriba hai que loitar pola audiencia e por iso comezará a trasmitir os cumpreanos dos vellos galeguistas cando cheguen ao centenario. En cada celebración haberá dous convidados que compartirán o micrófono co homenaxeado. No primeiro programa o grande actor ourensán Fernando Iglesias Sánchez respondeu aos seus amigos Antón Alonso Ríos [de Silleda] e Agustín Sixto Seco [de Mugardos].

--- Alonso: Sei, meu Tacholiñas, que estás feliz polo acto que organizou Graciela Pereira en Bos Aires para lembrar o teu centenario. Aínda que desque chegou Núñez Feijóo ao poder falas menos, nótase que lembras con agarimo aquela boa rapaza porteña que canta moi ben os tangos en galego. Para min a súa gravación Nas beiras do Prata é un clásico que recomendo sempre aos irmáns que loitaron con nós nas fermosas ribeiras arxentina e uruguaia.

--- Sixto: Tamén eu notei que nos últimos días o noso Fernando estaba máis animado. Lembro cando coñecín a Graciela en Santiago de Compostela e logo a súa amistade con Maruxa Villanueva. Somos afortunados ao ter descendentes agradecidos pero eu teño que pedirche desculpas porque non estiven ben cando foi o da Medalla Castelao. Xa sei que agora é tarde pero quero que o saibas. Puiden enfrontarme ao presidente pero quen perdía era Maruxa porque quedaría tamén sen a distinción. Nunca lle preguntei a Fraga a razón de que ti foses tachado da miña carta-petición. Non fun valente, síntoo.

--- Tacholas: Pois si, meu Siñor Afranio de Amaral, estou contento. Aínda lembro cando ía pola casa do avó de Graciela que era socio do Centro Galego. Daquela o meu choio era o de cobrador porque o do teatro sempre foi vocacional. A nena porteña escoitaba as nosas longas conversas engaiolada porque cría que a miña voz era a dun señor importante. E ti meu Agustín non te preocupes. Fuches un bo amigo que recoñeceu que fixen algo aló embaixo. O tema da medalla ---por certo, facíame ilusión--- supoño foi polo meu activismo na defensa da República xa que coido teño poucas manchas no meu currículo.

--- Alonso: Agora que lembras ao esmoleiro portugués que me salvou a vida teño que informarvos que a exposición na miña memoria está na Coruña e sabedes onde? Pois na casa de Casares Quiroga. As voltas da vida. O meu inimigo político ten agora que aturarme na súa propia casa.  Os anos pasaron pero non esquezo que o enfrontamento con Santiaguito foi porque non entendía que os emigrantes teñen tamén dereitos nacionais. Non houbo forma e claro recibín o castigo de non ser elixido deputado en 1931. Tiven que esperar ao 36. A exposición está sendo un éxito. Alégrame que a xuventude descubra por medio da miña aventura que o franquismo foi máis duro e represivo do que moitos pensan.

--- Sixto: A túa fuxida querido Antón é digna dunha película na que Tacholas se meta na túa pel. O éxito está asegurado porque o feito real non necesita de ningún engadido con efectos especiais. Fuxir de Tomiño ao monte e salvar a vida coa invención do esmoleiro portugués foi case que un milagre. Eu que son católico sei que Deus non quixo que morreses porque eras unha boa persoa e un bo mestre. Embarcar en Casablanca para Bos Aires tivo que ser un acougo para ti logo de pasar medo e incertidume.

--- Tacholas: Agradezo o papel protagónico que me ofrece o produtor Sixto Seco desde A Rosaleda Films pero antes de aceptar quero que Antón me indique o acento exacto que utilizaba cando era o Afranio. Non terei que esforzarme moito nalgunhas esceas porque moitas delas foron tamén as que eu vivín. Cando sexa de gravar a escea do desembarco en Bos Aires poñerei a mesma faciana que puxen cando pisei terra arxentina. Os ollos non daban feito.

--- Alonso: Home! Non reparara eu en que temos en Agustín ao produtor executivo que necesitamos para revalorizar un pouco a nosa epopea emigrante. Ocórreseme que pode contactar co famoso Martin Sheen, o fillo de Estévez de Parderrubias, para que achegue algúns dólares. Eu estiven agochado por Salceda de Caselas. Alí naceu o pai deste actor que todos coñecemos por facer de presidente dos Estados Unidos.

--- Sixto: Que éxito meus amigos! A miña pequena Rosaleda xunto con Martin Sheen e competindo polo Óscar á mellor película estranxeira. Ao ser rodada en galego e subtitulada en inglés ten abertas as portas do mundo. O inglés é o máis utilizado e o galego o máis internacional desde Alaska ata Sidney. Xa estou vendo os carteis: Rosaleda-Sheen International Films Presenta: Afranio and Antón. Teño que falar axiña con Suárez Picallo para que me axude co guión e con Chano Piñeiro para que a dirixa. Para a  música teño ao mestre Isidro Maiztegui Pereiro que botará man dos alalás e dos tangos.

--- Tacholas: De acordo, pero quero facer unha puntualización. Agustín está entusiasmado e por min que non sexa. Considerando que eu aquí non necesito cartos quero que no contrato figure unha cláusula pola que o meu salario será entregado na man da miña filla Clotilde. Podería traballar de balde pero coido que non corresponde. En Galicia hai orzamentos de abondo para as artes audiovisuais. Sei que os produtores executivos aforrarán cartos comigo nas cotizacións sociais porque ademais de xubilado levo unha boa tempada sen pisar nas consultas da esquina de Belgrano e Pasco. Estou desexando oír a voz de Chano cando diga: Atención! Gravamos.

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...