Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Un adeus garimoso para o meu amigo Andrés Pazos Pérez

19:15 15/01/2010

O luns 4 de novembro de 1991 nas páxinas do xornal “Diario 16 de Galicia” publiquei unha nota titulada Un actor galego da emigración. Alí falaba do meu amigo Andrés que me pedira axuda por carta xa que estaba analizando a posibilidade de volver a Galicia xunto coa súa familia. Nacera en Ames e levaba na capital uruguaia 38 anos. Un tío seu foi o dono da coñecida cafetería compostelá “Azul”. Quedei sorprendido porque Andrés estaba moi integrado na vida uruguaia e tiña esposa e dous fillos. Lembrei naquel artigo que ademais de recoñecido actor era perruqueiro de cabaleiros no salón de peiteados unisex que rexentaba xunto coa súa muller.

Comecei a tratalo arredor de 1973 cando a miña amiga Yolanda Díaz Gallego, directiva do Patronato da Cultura Galega, comentou que era galego. A primeira actividade que lembro foi chamalo para que puxese a súa voz nun audiovisual realizado sobre as fotos do ferrolán Manuel Monteagudo Romero. Despois tivemos máis relación cando estiven aos mandos do programa radial “Sempre en Galicia” ao que o convidaba para ler textos curtos de Castelao. No seo do Patronato recitou moitas veces e tamén foi o impulsor e primeiro director da Escola de Teatro. A traxectoria de Andrés no Uruguai será sempre lembrada polas aplaudidas actuacións teatrais en “Pluto” de Aristófanes, “A Gaivota” de Chejov, “Egor Bulichov” de Gorki e “Rasga Corazón” de Viana Filho. Dentro do cine polo seu gran papel en “Whisky” e aquí recordaremos que foi un inmenso petrucio na exitosa montaxe de “A Lagarada”. Os que o aplaudiron en Trasalba non esquecerán a súa magnífica caracterización.

Foi premiado polos críticos uruguaios co máximo galardón que outorgan: o “Florencio” [en homenaxe ao famoso autor Florencio Sánchez]. Ingresa na institución teatral “El Galpón” en 1973 e alí permanece ata que a dictadura clausura o teatro. Segue en Montevideo e funda o “”Teatro de la Gaviota”cun pequeno grupo de actores que resisten sen coller os vieiros do exilio. Quero reproducir algúns comentarios da prensa arxentina e uruguaia sobre actuacións súas: “Andrés Pazos, como el escudero, es sin duda, el actor más dúctil y con mayor capacidad de asombro del grupo uruguayo de “La Gaviota” [Lazarillo de Tormes]; “Andrés Pazos, expléndido de voz y físico es el Trigorin que Chejov pedía”; “Pazos conduce casi toda la obra; ya que los demás surgen a sus recuerdos, deseos, miedos, con su acostumbrada solvencia. Andrés transmite con todo su oficio el conflicto del viejo revolucionario” [Rasga Corazón].

Cando Andrés decide volver póñome en contacto co profesor Xoán Luís Saco Cid que daquela era o presidente do IGAEM para pedirlle traballo para Andrés mediante un contrato para actuar nalgunha representación do Centro Dramático Galego. A resposta foi positiva e o meu amigo incorporouse axiña ao mundo teatral galego onde recibiu milleiros de aplausos en recoñecemento do seu labror.  Recibe prezado Andrés os meus saúdos e os meus berros de: Forza teatro El Galpón! e Forza presidente Mujica!

5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...