Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Camiñando entre penedos

12:53 13/05/2008

Moitos miles de anos antes da existencia das parroquias, comarcas e concellos no que hoxe coñecemos como Pasarela (Vimianzo) e Traba (Laxe) a familia dos Penedos ergueu alí o seu fogar. Entre eles sempre houbo harmonía e democracia porque un penedo era igual a un voto nas asembleas. Non tiñan inimigos nin preocupacións.

Onte mesmo escoitaron falar dun novo virus mortal para as pedras chamado a peste das canteiras. Houbo varias reunións nas que os dous portavoces autorizados, Pena Forcada e Torre da Moa, coincidiron en que debían vacinarse axiña para se chegaba o virus que non fixese estrago ningún.

Hoxe hai festa rachada. A celebración é para recoñecer que a vacina funcionou perfectamente desque se inxectara o 15 de marzo de 2006 por medio dunha proposición non de lei pola que se instaba á incoación do expediente de declaración dos Penedos de Pasarela e Traba como espazo natural protexido.

Pasaron dous anos e agora a Dirección Xeral de Conservación da Natureza inicia o procedemento de declaración da paisaxe protexida que recoñecerá por medio dun decreto da Xunta de Galicia o que todos os veciños da contorna saben desde nenos: que os penedos teñen un valor singular, estético e cultural que os fai merecentes dunha protección especial.

A Costa da Morte avanza e progresa cando vai da man do medio natural. Se somos quen de recoñecer que “os penedos non son só pedras que se poden esnaquizar” entón estaremos diante dun vieiro cheo de futuro. O escenario singular de Pasarela e Traba simboliza o comezo dunha nova sensibilidade que substitúe o desprezo polo aloumiño sincero.

*Manuel Suárez é coordinador de “Amigos dos Penedos da Costa da Morte”

5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...