Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

O baúl arxentino da tía María

17:10 19/04/2010

Estou vendo a expresión de alegría da miña nai cando aló por 1950 remexía con présa nun baúl cheo de roupa que chegara de Bos Aires.A súa irmá maior, María Suárez Lema, emigrara un ano antes.Aquel baúl era a confirmación de que en América ataban os cans con longanizas.Traballaba nunha fábrica téxtil que coido se chamaba Sudamtex e xa foi quen de aforrar para que a familia puidese ir á festa da Ermida Vella [Tines-Vimianzo]de punta en branco.Había roupas e teas para escoller e todo de boa calidade.

Agora a miña tía é viúva e vive desde hai máis de 40 anos na fermosa cidade de Córdoba. Alí goza dun clima seco que vai moi ben para os ósos. Ten a súa casa no barrio San Martín e cunha pequena pensión de xubilación é unha emigrante feliz porque está xunto aos seus fillos e netos.Sen luxos pero naquela casa nunca faltou pan na mesa nin tampouco un bo asado de tira cando alí nos achegabamos desde Montevideo.A miña curmá naceu en Bos Aires e o meu curmán en Córdoba e aínda que non coñecen Galicia gardan dentro seu ducias de historias de cada unha das familias de Tines.

    Quixera que os deputados que están a debater en Madrid me expliquen e convenzan de que eu non podo devolverlle a miña tía un baúl cheo de solidaridade.Quero que me digan cal é o seu sesudo razoamento para que o seu sobriño non poida compensar o seu esforzo nos seus últimos anos de vida.Coido que a delegación que facemos nos deputados non os autoriza para lexislar ingratitudes e desprezos.As súas señorías teñen un mandato para actuar en favor dos administrados e non puxen ningunha cruz enriba dun recadro que suprima a solidariedade.

   
    A miña nai quere que a súa irmá poida estrear un vestido novo en cada cumpreanos dos seus netos.A min paréceme que non facemos nada extraordinario con recoñecer a achega da diáspora porque nunca pagaremos o moito que eles nos deron.Non me poden negar ou prohibir que unha porcentaxe dos meus impostos vaia para a estensión do estado do benestar aos que viven lonxe da súa parroquia.A miña nai díxome que se deixan sen voto á súa irmá logo quedará esquecida.A min tamén me cheira mal porque xa me diredes que se hai coitelo para un dereito constitucional o que non farán cando haxa que investir en axudas sociais.

    O voto identifica cunha terra.O voto significa compromiso.O voto é un xeito de non esquecer.Cando se vota estase a pensar nos camiños por onde se tiveron os primeiros amores. Nós, os galegos, somos fillos dunha paisaxe. As árbores, os mananciais e os penedos van con nós e  sexa no meu Montevideo ou no meu Bos Aires é sempre o que primeiro botamos en falta.Na nova lareira haberá un espazo para a morriña e a homenaxe ao lugar onde os ollos coñeceron a luz.


    Non creo que os deputados impulsores da reforma se detivesen un minuto en considerar algún dos aspectos dos que estou a falar.Se coincidisen comigo en que estamos a falar de sentimentos---ademais de dereitos constitucionais---non propoñerían un cambio normativo que vai afectar directamente ao cerne da sensibilidade do emigrante galego.A min os estudos que presenten sobre porcentaxes electorais non me din nada xa que no fondo o que se persegue é que os de fóra sexan de pao ao mesmo tempo que reciben o pao.

    Hai veces que non entendo nada e quedo desconcertado.Hai crise económica pero unha das pezas básicas da política da actual administración é o mantemento das políticas sociais. Paréceme ben porque é de xustiza pero entón a pregunta é se só haberá dereitos sociais para os residentes.Tampouco vexo nada claro que se queira cortar a unión coa terra nai ao mesmo tempo que se entregan tarxetas de atención sanitaria. Hai algo que non cadra.

    Non acepto que a gadaña parlamentaria viaxe polo mundo adiante facendo cortes nos sentimentos xa que é unha ferramenta que se fixo para seiturar, é dicir para cortar a herba ou os cereais. Teño a esperanza,non sendo o oficio dos deputados o de  gadañeiros,de que recapaciten e elaboren un proxecto de futuro no que o voto dos emigrantes sexa limpo e non se volva falar de trapalladas.Estou convencido de que haberá sentidiño aínda que doe moito ver que se fala de cifras e números cando se refiren a irmáns nosos que non están ao noso carón.

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...