Vieiros

Vieiros de meu Perfil


UAb DE LISBOA e ACADEMIA GALEGA DA LÍNGUA PORTUGUESA

Publicado hoje no Xornal de Galicia:

SOCIEDAD: A Universidade Aberta de Lisboa vai abrir dous centros en Galicia.- A institución acordou, coa Academia Galega da Língua Portuguesa, estreitar a colaboración entre os dous territorios.

Enviada por AGIL AGIL o 13/12/2009 13:15

Galicia e Portugal van estreitar a súa relación en materia educativa grazas ao acordo de colaboración asinado, hai un par de meses, entre a Universidade Aberta (UAb) de Lisboa e a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP). A Academia vén de informar que a UAb vai abrir dous “centros locais de aprendizaxe” en dúas cidades galegas aínda por determinar, para comezar a súa actividade en Galicia no vindeiro curso 2010-2011.

Os galegos que estén interesados en matricularse nalgún dos graos, másters ou doutorados da institución pública portuguesa de ensino a distancia poderán facelo a partires de maio ou xuño do ano que vén. Na páxina web da UAb –www.univ-ab.pt– xa está dispoñible a información sobre a oferta académica e os requerimentos de matrícula. O acceso é libre para os universitarios galegos, xa que pode acceder calquera alumno que xa posúa o título ou teña aprobada, cando menos, unha materia da carreira. Os demais, terán que facer un exame de acceso.

PROXIMIDADE LINGÜÍSTICA

O reitor da UAb, o profesor Carlos Reis, explica que “a lingua portuguesa é unha lingua accesible para practicamente calquera galego e, polo tanto, nese sentido, dada a facilidade de circulación dos diplomas, pensamos que era posible, útil e pertinente, estender a nosa oferta pedagóxica a Galicia”. Neste sentido, concretou que o obxectivo é crear, para o curso 2010-2011, un ou dous centros locais de aprendizaxe, “pequenas estruturas de apoio aos estudantes, presenza da nosa oferta pedagóxica, contacto coa poboación, coas empresas, etc.”.

Precisamente, o acordo de colaboración coa AGLP asinouse nunha visita institucional a Compostela, para participar no Seminario de Lexicoloxía da Universidade de Santiago (USC). Malia a vocación de proximidade, a universidade lusa explica no apartado de información a estudantes galegos, que “a lingua vehicular do ensino na UAb é o portugués, lingua da Galiza. Os textos irán adaptándose progresivamente ás regras do Acordo Ortográfico de 1990”, puntualiza.

GALICIA, PAÍS DA LINGUA PORTUGUESA

A presentación da oferta educativa da UAb en Galicia vai unida á divulgación da cultura galega en Portugal. De feito, o o profesor Reis asegurou que “é aceptable pensar que un día se atopará a forma de reunir os equilibrios para que unha nación coma Galicia, que ten a súa cultura, a súa identidade, a súa paisaxe, a súa xente, a súa lingua, aínda cos debates que esta lingua sempre provoca, un día forme parte, realmente, da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), no estatuto que se entenda que é o máis adecuado”.

Na actualidade, son membros do CPLP Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e máis Timor Leste. En opinión do reitor da UAb, Galicia “ten un papel importante para representar” neste grupo de países lusófonos. “A política da lingua ten que ter en conta, antes de nada, a diversidade e un sentido estratéxico de concertación”, explicou Reis, ao tempo que destacou “o papel dinamizador que o Brasil pode desempeñar aquí”.
...
http://www.xornal.com/artigo/2009/12/13 ... 02780.html 


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: