Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A conxelación salarial é un imperativo moral

Nun país onde o paro se acaroa ao 20% (0%  funcionarios), cuns indicadores económicos suxerindo, quizais xa amostrando, deflación, un vicepresidente do goberno, con pose e pausanismo sacerdotal, vén e dinos que pode ser unha boa idea a conxelación salarial de nada menos que o único sector que vive precisamente do sufrido contribuínte. Non está seguro, pero pode ser un boa idea.

Enviada por cissjgv cissjgv o 08/09/2009 18:56

A conxelación salarial é un imperativo moral

(Antes de learme no meu comentario, unha aclaración: acepto como axiomático que a meirande parte dos funcionarios son xente de ben, completamente comprometidos co bo facer. Non sendo, pois, a crítica que seguen un intento de descualificar a esa inmensa maioría que merece e, dou por feito, ten o noso respecto e solidariedade. Non obstante, xustificar un-non-tocar os soldos dos funcionarios porque os máis deles haxan accedido aos seus postos despois de arduas e frustrantes oposicións, é un perder, por completo, a perspectiva da función e razón de ser do mesmísimo Servizo Civil, que, desde o momento que se transforme en algo sagrado e intocable, asume matices propios dunha carga feudal que o mundo moderno xa non pode tolerar)

En tódolos países normais e democráticos (perdoen a redundancia), España incluída, nos xurados quedan exímeos de participar cantos se atopen dalgunha maneira preto do asunto a tratar. A leria que precede vén a conto porque aínda cando recoñezo - con reservas - como inherente á natureza humana que os empregados do Servizo Civil rexeiten a conxelación salarial, amósaseme ofensivo e enganoso calquera intento por parte do goberno de procurar acadar a súa colaboración, mesmo completamente innecesario e aínda antidemocrático. Aclaro: As decisións de Estado só son coherentes cando se toman tendo en conta o ben común, ou sexa, os dereitos dos contribuíntes, da cidadanía. Quizais sobre matizar que son os contribuíntes os que pagan os soldos do Servizo Civil, del-Rei abaixo. Xa logo, non é un despropósito nin un baleiro moral dispor dos cartos dos contribuíntes sen ter en conta único e exclusivamente o ben común, tal hipocrisía transcende o despropósito e mailo baleiro moral e só pode e debe ser percibida como unha auténtica afronta á cidadanía, afronta que reclama respostas contundentes. Resposta que en España - país con moitas carencias no que atinxe ao espírito de resistencia - son difíciles de atopar.

Nun país onde o paro se acaroa ao 20% (0% funcionarios), cuns indicadores económicos suxerindo, quizais xa amostrando, deflación, un vicepresidente do goberno, con pose e pausanismo sacerdotal, vén e dinos que pode ser unha boa idea a conxelación salarial de nada menos que o único sector que vive precisamente do sufrido contribuínte. Non está seguro, pero pode ser un boa idea. A primeira lección a extraer de tan solemne homilía é que a hipocrisía, está claro, nin ten límites nin quere marcalos. Os contribuíntes non lle deben - nunca lle deberon - nada a ninguén. A ninguén.

Nas épocas que vivimos non conxelar os soldos do Servizo Civil, del-Rei abaixo, sería crúa e dura violencia contra a cidadanía. O país na ruína, o paro polo teito, a pobreza a máis, a precariedade... iso xa é inmesurable; en conclusión, o estado socioeconómico da poboación, insufrible. A resposta que lle dá o goberno (disque progresista, será, eu, progresista de toda a vida, mal raio me parta se atopo algo de progresismo nos modernos enfeites e refines deste novo nepotismos) a tanto sufrir e tanta desidia é subirse os soldos deles mesmos: o funcionariado (postos electos incluídos). E digo funcionariado porque neste país non se lle pode chamar polo seu nome - Servizo Civil ou Servizo Público -, pois iso implicaría un compromiso indeleble de servizo á cidadanía que aínda nin tan poucos dos funcionarios rexeitan asumir.

Para axudar a pór as cousas en certa perspectiva e ao tempo establecer marcos de referencia, preguntémonos - polas boas, se aínda cabe - se hai algunha democracia, das vellas, ou sexa, algún país avanzado que non medio desta terrible crise llela mangue aos contribuíntes subido os soldos do Servizo Civil. Se sabedes dalgún caso (comprometido cos criterios establecidos) facédemo saber; serviríame de alivio, pois é duro pensar que España sexa o único país avanzado onde gane quen gane as eleccións sempre as perde o electorado. Tanto descaro frivolidade e oportunismo non é un accidente, non o pode ser, como tampouco o é o silencio maioritario. E, parafraseando -un vez máis - a Thomas Jeffeson, os pobos que perden o espírito de resistencia renuncian á liberdade. Mais iso xa o saben as mafias políticas - de tódalas siglas - e é por iso que nestas épocas de crise - para eles, todos - non é absolutamente necesario solidarizarse coa cidadanía, co contribuínte, simplemente pode ser unha boa idea.

Para os máis escépticos, pecho cunha cita espallada por tódolos xornais do país, cuxa verificación está ao alcance de todos; velaí os Presupostos Xerais do Estado para o 2009. " El incremento salarial para los 2,6 millones de empleados públicos que recogen los Presupuestos Generales del Estado para 2009 es de un 2%, porcentaje que se eleva por encima del 3% al incorporar las pagas extraordinarias y otros complementos específicos." Cartos que no caen do ceo. Cartos que saen do peto dos contribuíntes que máis están sufrindo en todo occidente. Cartos que teñen que ser reorientados a aliviar o sufrir dos máis desfavorecidos e mailos que están no paro. Cartos que ou atopan os vieiros da solidariedade ou, inevitablemente, han ter que atopar de fronte a un pobo que grite en unísono: acabouse!

Xoán Vázquez, Nova Jersey, USA xoangvazquez@yahoo.com


Documentos

4/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: