Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Historia dun Internauta galego (I)

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Historia dun Internauta galego (I)

Historia dun Internauta galego (I)

Especialmente adicada a VIEIROS por manter este espazo de liberdade na Rede Galega.    Dos poucos medios que manteñen acesa a chama da liberdade de expresión nesta longa noite de pedra na que andamos.  Grazas.

Enviada por Erasmo Erasmo o 24/08/2009 02:18

A miña experiencia na rede nos últimos anos tivo altos e baixos como case todo nesta vida.

A inocencia levoume a entrar sen demasiada cautela en canto lugar parecía ofrecer a 'posibilidade' de levar a cabo ese soño da participación na vida política e social, nas causas cívicas e humanitarias en xeral...  Idealismo na rede.

Quería aportar algo, dicir algo, entender os desexos dos meus concidadáns...

Con ilusión e interese fun debullando aqueles temas que me parecían urxentes para manter o rumbo na procura dunha vida digna i en liberdade para o meu pobo...

Considerei as novas tecnoloxías coma instrumento democrático para expresar ideas e suxerir solucións.

As primeiras liñas que escribín foron dirixidas aos foros do meu concello...  onde pensaba sería lóxico atopar a alguén que quixese compartir un proxecto, unha idea, un soño...   Pronto comprendín que ía ser o silencio o meu gran compañeiro na rede.
(* aqueles antigos foros xa non existen mais os actuais seguen igual de mortos).

Pensaba que non había ninguén do outro lado do espello, que era cuestión de insistir e volver a insistir unha e mil veces se fixera falta para que espertaran do sono e se incorporasen ás novas tecnoloxías revolucionarias...

E foi así coma, sen sabelo, convertínme nun troll... ou nun spamer... non se sabe que pode ser peor.  Entraba en canto foro ou blog dispoñible había a facer 'publicidade' do que consideraba esencial e urxente... quería chegar cedo ás tecnoloxías da comunicación e coa ilusión do neno con zapatos novos... boteime a andar pola rede.

Ao principio non compredía nada do que aquí sucedía, as luces do computador idiotizaron o meu espíritu ata tal punto que cheguei a soñar cunha Tecnópolis que solucionaría tódolos problemas da humanidade a golpe de clic. 

Así fun bombardeando con correos aos meus primeiros contactos (familia e amigos) e pronto descubrín que non empregaban o e-mail máis que de pascuas a ramos, e só moi de cando en cando respondían aos meus requerimentos vituais.

O silencio novamente. Os foros acaparaban a miña atención pois considerei que neles tiña que haber xentes dispostas a case todo e só era cuestión de insistir e buscar os lugares idóneos, pero pronto comprendín que era tarefa imposible manterse ao día en tódalas conversas de interese para mín... As repeticións constantes, os novos participantes que ían entrando e que solicitaban aclaracións a cousas xa debatidas ata a saciedade fixéronme ir deixando de atender ás conversas.

Así foi coma tamén eu funme convertindo en espectador máis que actor, e fun xerando espesos silencios que só se rompían cando xa pasaran as tormentas de verán ou cando aparecía algún inquisidor que presentaba batalla ideolóxica sen cuartel...

Daqueles tempos recordo con nostalxia un lugar máxico no desenvolvemento positivo da participación cívica nun foro con intereses políticos, chamábase Outra Democracia é Posible, e aínda hoxe podedes atopar restos ciberarqueolóxicos daquela experiencia (pero xa non atoparedes os magníficos foros con miles de horas de discusións apaixoadas e brillantes) onde fomos capaces de mobilizar á Cidadanía dende unha Web ata as portas das cámaras de 'representación' política (Concellos, Congreso, Senado, Autonomías...) OtraDem foi un magnífico taller de ciberactivismo político en rede. 

Hoxe aínda agradezo a aqueles compañeiros de viaxe todo o que alí aprendín e, cicais tamén a súa 'coherencia política' que naquel tempo non compartín. 

O asociacionismo chamou ás portas e deixei de preocuparme, momentaneamente, pola rede e volvín pegar selos en Correos.

Daba igual a canle empregada, o silencio fíxose omnipresente e a pesares do 'éxito' rematei por enterrar aquela asociación pseudoprofesional e volver á rede a criar unha nova canle de comunicación virtual: ao ano da súa creación había 110 usuarios que gardaban o máis absoluto silencio agás o 'inmoderado moderador' que seguía facendo de troll na súa propia web.

Tal foi a carraxe que me entrou que no primeiro cabodano enviei unha sondaxe ao grupo (case un ultimátum), tratábase dunha simple enquisa sobre cuestións técnicas e sobre o futuro do grupo na rede, os votos recollíanse na web; o silencio foi tan espeso que enviei aos infernos a 98 usuarios sen pensalo dúas veces!  A morte sempre estivo presente na vida dos homes.

As críticas recibidas foron tan contundentes que ao troll non lle quedou máis remedio que pedir desculpas e facilitar ate a náusea a reincorporación de cantos usuarios quixeran regresar...   Aínda así o silencio seguiu sendo espeso...

Ao tempo que reprimía dun xeito atroz as ganas de intervir na web que eu mesmo administraba fun abrindo os primeiros Blogs para dar renda solta ás miñas ansias de comunicación universal. Nunca tiven moitos coñecementos informáticos e botaba horas e horas tratando de arranxar erros infantís mediante o triste procedemento do ensaio-error.    ¡ Calquera lía aqueles manuais ou tiña tempo e gañas de andar a traducir do inglés aquelas primeiras ferramentas blogueiras! Así, a tropezóns, fun chegando a editar e manter varios blogs simultaneos (coma todo o mundo, supoño). 

Naqueles tempos empecei a escribir ás redaccións dos periódicos con edicións dixitais. Daba a impresión que postear naqueles longos foros e deixar a miña pegada nos comentarios das novas dos diarios ofrecía un xeito de romper co silencio da rede.

Comencei novamente polo que tiña máis perto de min, o diario decano da prensa nacional, a pesares de que xa non pertencía á rancia familia co rexentara décadas atrás, era ao fin e ao cabo o Faro de Vigo.  Despois das dúas primeiras Cartas ao Director publicadas... novamente fíxose o silencio.  O mesmo camiño seguín no diario de maior tirada do estado, El País. Só que nel as cartas foron 'cortadas segundo os seus intereses' e conseguín aparecer na prensa nacional coma un imbécil.

Todo un éxito de crítica e público. Comencei a preguntarme se o que eu dicía tiña algo de raro ou ilegal ou impresentable, pois así debeulles parecer aos distintos encargados das redaccións que continuamente rexeitaban publicar as miñas contribucións sobre calquera tema.  Seica nunca fun políticamente correcto! 

Se aínda tiña algunha dúbida sobre os intereses aos que servían as chamadas novas tecnoloxías, foise disipando calquera inseguridade sobre o tema. ¿Como era posible que nin siquera se publicaran as réplicas aos escritos de outros autores?  O dereito a réplica parecía algo residual do pasado e aínda así, nos tempos da cibersociedade, nin siquera ise dereito tiñamos. 

Pero chegaron os incendios que arrasaron Galicia no primeiro ano de goberno do bipartito (PSOE - BNG) e todo pareceu mudar de súpeto: os silencios desapareceron por completo, noites enteiras tecleando denuncias e propoñendo solucións de urxencia, facendo a cobertura do que estaba a suceder (Galicia ardía ao longo da súa costa e tamén en lugares puntuais do interior) mentres os medios de desinformación daban novas descafeinadas coa intención de facernos crer que tiñan o lume controlado...

Indymedia Galiza foi naqueles intres unha ferramenta potente e rápida tanto para denunciar os intereses dalgúns (escuros e aínda hoxe sen investigar o suficiente) como para autoorganizar á sociedade civil contra o lume. Non quero lembrar o mal que o pasamos aqueles 16 días de lume e fume.  O teclado derretíase baixo as xemas, mentres as bágoas de impotencia enchían os ollos a cada nova que rebotaba na rede. 
E despois de tanto esforzo, aló polo día 9 do mes do Inferno, cunha semana de retraso, o Vicepresidente Quintana púxose a montar unha rede -administrativa- seica contra o lume.
(*nese tempo Galicia Confidencial estivo onde hai que estar, aínda que hoxe apareza maquillada).

Baste dicir que os teléfonos nin funcionaban, que os correos foron respondidos unha semana despois de remataren os incendios. E que de toda aquela efervescencia só quedou un silencio brutal.      

Os políticos xa se fixeran cargo do control da rede. Recordo berros desesperados preguntando onde estaba daquela o colectivo Nunca Máis que tan bos resultados dera contra o chapapote do Prestige... e ninguén respondía: silencio e só silencio.

==== Continuará ====


2/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Historia dun Internauta galego (I) / (IV)