Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Contra as centrais "sucias"

Futuro cor carbón, modelo ineficiente

Segundo Verdegaia, as centrais térmicas galegas, beneficiadas pola "asignación excesiva e gratuíta" de permisos de emisión de CO2, deberían ser das primeiras do Estado en pechar.

Redacción - 18:35 01/07/2010
Central térmica das Pontes / Flickr: Mariano Grueiro

Central térmica das Pontes / Flickr: Mariano Grueiro

O uso de carbón de importación, como é o caso das centrais térmicas galegas, incrementa aínda máis as "enormes emisións" de dióxido de carbono, principal gas causante da mudanza climática, engadindo ás da propia centra as do transporte. Por riba, trasladan fóra das fronteiras galegas os fortes impactos da minaría do carbón, exemplificando a exportación dos impactos ambientais asociados ao sobreconsumo enerxético.

O colectivo ecoloxista Verdegaia critica esta quinta feira que as centrais térmicas de carbón galegas se teñan beneficiado de importantes apoios do goberno español: tanto a través da asignación "excesiva e gratuíta" de permisos de emisión de CO2, como polo pagamento de primas por queimar carbón autóctono até o esgotamento en 2007 das minas próximas.

Producir 1 MWh de electricidade nas térmicas de carbón emite 0,89 toneladas de CO2, fronte ás 0 das renovables e ás 0,26 das centrais de ciclo combinado a gas natural, argumentan os ambientalistas para xustificar a súa oposición a calquera tipo de axuda pública aos combustíbeis fósiles e, xa que logo,ao decreto estatal que favorece a produción das centrais térmicas que usan carbón español, "aínda que este decreto contribuirá a limitar a actividade das térmicas galegas e, deste xeito, tamén a súa elevada contaminación". As centrais térmicas de carbón son centrais eléctricas "ineficientes e sucias que non teñen cabida nun modelo enerxético sustentábel", advirten. "Só desde visións interesadas, localistas e curtopracistas se pode defender a actividade das centrais térmicas de carbón das Pontes (Endesa) e de Meirama (Gas Natural Fenosa)", subliñan.


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: