Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ciclismo

Arranca a novena edición da Volta

A carreira comeza en Compostela, aproveitando a festa local desta quinta feira, e rematará o domingo en Ferrol.

Redacción - 11:30 12/05/2010

Arranca a novena edición da Volta Ciclista a Galiza para as categorías de elite e sub-23 que se disputará até o domingo. En total, participan 105 corredores de 15 equipas.

A carreira comeza esta quinta feira en Compostela, aproveitando a festividade local da Ascensión, cunha etapa de 136 quilómetros que sairá de Área Central as 14.55 horas para continuar por Bertamiráns, Os Ánxeles, Urdilde, Alto do Codeso, Noia, Portosín, Porto do Son, Alto de Moldes, Ribeira, Palmeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Padrón, A Escravitude, Picaraña, Os Ánxeles, Bertamiráns e Compostela coa meta instalada na rúa Xoán Carlos I, onde se estima a chegada dos corredores entre as 18.30 e as 19.00 horas.

A segunda tirada sairá de Área Central ás 14.55 horas para continuar por Sigüeiro, Ordes, Cerceda, Mesón do Bento, Cambre, Guísamo, Alto de Campolongo, Pontedeume, Cabanas, Alto de Peón da Pedra, Fene, Ferrol, Alto de Bailadora, Balón, A Malata e chegada a avenida de Esteiro de Ferrol entre as 17.20 e as 17.50 horas, logo de percorrer 128 quilómetros.

O sábado, os ciclistas cubrirán a terceira etapa que sairá da Praza de España de Ferrol ás 14.00 horas e discorrerá por Narón, Valdoviño, Esteiro, Folgosas, San Sadurniño, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Betanzos, Bergondo, Perillo e chegada aos Cantóns da Coruña, logo de 130 quilómetros, entre as 17.15 e as 17.45 horas.

A Volta rematará o domingo, coa cuarta e derradeira etapa, que principiará na coruñesa Praza de María Pita coa saída as 9.30 horas para continuar por Perillo, Guísamo, Betanzos, Alto de Curtis, Melide, Palas de Rei, Monterroso, Alto de Monterroso, Portomarín e chegada na rúa Calvo Sotelo de Sarria, logo de 140 quilómetros de percorrido.

Valoracións

O director deportivo do Xacobeo, Xesús Blanco Villar, destacou que a primeira etapa "será moi disputada, sobre un terreo crebapernas, tipicamente galego". Anxo Vidal, tamén director deportivo do XGZ, subliñou que "a segunda etapa é ideal para fuxidas e ten un circuíto final en Ferrol moi duro onde gañou en 1995 Miguel Indurain".

O gañador da Volta 2009, o redondelán do Extremadura, Henrique Salgueiro, expresou a súa decepción por non poder participar este ano debido a unha lesión nun brazo, e vaticinou unha chegada ao sprint na etapa con final na Coruña "que me trae moi bos recordos xa que gañei alí na edición do pasado ano".

Guillerme Sande, coordinador técnico da Federación Galega de Ciclismo, destacou que a cuarta etapa "será a máis dura". "Para min é a xornada raíña cun treito final, de Palas de Rei a Sarria moi duro e onde os ciclistas aspirantes a gañar a carreira hanlle pór as cousas moi difíciles ao líder e á súa equipa na derradeira xornada da competición".


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: