As novas instalacións estarán situadas entre Sarria, Triascastela e Becerreá, aproveitando as propiedades electromagnéticas do solo da zona.
Emprazamento aproximado do novo acelerador / Google Maps
Galiza contará o ano que vén co seu propio acelerador de partículas. As especiais características electromagnéticas que se dan no triángulo formado polos concellos de Sarria, Triacastela e Becerreá fixeron que a Xunta e as tres universidades do país escollesen ese emprazamento para construír o túnel, que levará por nome GAGA (Grande Acelerador Galego Atómico).
Despois de varios meses de estudos secretos, que non se fixeron públicos para evitar que institucións estranxeiras se aproveitasen das peculiares propiedades da orografía galega, decidiuse situar o acelerador nunha zona equidistante entre os tres concellos. O padroado que rexerá as instalacións, que se espera atraian científicos de todo o mundo e mesmo consigan que expertos do país volvan á terra, contará, entre os seus membros, co físico e experto en cifras Jorge Mira; o ex-conselleiro Dositeo Rodríguez, asesor de novas tecnoloxías da Xunta, e o tamén científico Xosé Anxo Docobo, que dirixe o Observatorio Astronómico da USC e preside o Xacobeo Blu-Sens de baloncesto.
A construción do acelerador sufragarase con 5,2 millóns de euros que sobraron das obras da Cidade da Cultura. Segundo explicaron fontes próximas ao padroado en exclusiva para Vieiros, "será un fito histórico para Galiza, que se poñerá á cabeza da elite mundial da física de partículas". Ademais, aseguran que o novo laboratorio paliará os movementos sísmicos que se producían con frecuencia nesa zona do interior do país e aproveitará a súa enerxía para producir colisións de protóns que dean a coñecer novas partículas descoñecidas.