Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nos Estados Unidos

A comida lixo vai saír cara

As administracións estadounidenses pretenden aumentar os impostos sobre os alimentos menos saudábeis para aumentar os ingresos públicos e financiar a sanidade.

Redacción - 18:07 02/09/2009

As distintas administracións estadounidenses están a proxectar subir os impostos dos produtos menos saudábeis, tanto para frear o seu consumo como para obter máis financiamento, por exemplo, para a reforma sanitaria. No punto de mira están os refrescos azucrados e a comida lixo, do mesmo xeito que xa se elevaron as taxas do tabaco, e con semellantes reaccións públicas.

Nun país gravemente afectado pola obesidade entre adolescentes e con altos índices de problemas cardíacos e diabete tipo 2 entre adultos, os gobernos locais e estatais propoñen como solución subir os impostos, co que se teñen que enfrontar á industria fabricante de comida rápida e refrescos, que avoga polo "consumo moderado".

Os partidarios da medida suxiren que os impostos contribuirán os 147 mil millóns de dólares que calculan que custará tratar as doenzas causadas pola obesidade, ademais de mellorar o mal estado das contas de administracións locais e estatais. A Oficina de Orzamento do Congreso dos EUA calculou que unha taxa de 3 céntimos en cada lata de 350 mililitros de refresco produciría uns ingresos de 50 mil millóns de dólares en dez anos.

Ese imposto sobre os refrescos pode ser a clave para financiar a reforma da sanidade estadounidense. Ademais, arredor do 58 por cento da cidadanía amosouse disposta a pagar unha taxa do un por cento ou máis para financiar un sistema sanitario público, segundo unha enquisa recente.

Expertos das universidades coinciden en que aumentar os impostos ten un efecto disuasorio no consumo de produtos pouco sans, como xa acontecera co tabaco. Tamén se amosaron partidarios de aplicar unha taxa porcentual e non por unidade de venda, que favorecería o consumo de botellas de refresco de tamaño familiar.

Nesta liña por impedir o consumo de comida lixo, o goberno de Nova York prohibiu que os restaurantes servisen comida con graxas trans, que se puidese fumar neles e obrigou as grandes franquías a expoñer publicamente o contido calórico dos seus produtos. Agora puxo en marcha unha campaña publicitaria para promover o consumo de bebidas sen azucre.
 
Os detractores desta medida, que denominan "imposto do pecado", amosan a preocupación polo feito de que o estado se volva demasiado protector e dane o crecemento económico das empresas. De feito, existen grupos como Americanos contra os impostos nos alimentos, apoiados por detrás por marcas como PepsiCo, McDonald's ou Burger King.


3,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: