Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
XACOBEO GALICIA

Mosquera volve ás estradas na Route du Sud, despois de dous meses

O ciclista de Teo volve correr dous meses despois dun accidente doméstico no que rompeu o pulso, perdendo así a oportunidade de participar no Giro d´Italia.

Redacción - 11:45 18/06/2009
Ezequiel Mosquera

Ezequiel Mosquera

O Xacobeo Galicia viaxa este mércores até a a localidade francesa de Pau, onde dará comezo a primeira etapa da Route du Sud. Esta carreira supón a volta ás estradas de Ezequiel Mosquera, despois de sufrir un accidente doméstico o pasado 19 de abril que lle impediu participar no Giro d´Italia. O equipo galego enfrontarase na rolda francesa a algúns equipos de primeira liña como o Caisse d´Epargne, o Cofidis ou o Ag2r. Para esta volta de catro etapas contará cun equipo no que ademais do ciclista de Teo estarán Serafín Martínez, Vladimir Isaychev, Gonzalo Rabuñal, Marcos García, David Herrero, Carlos Castaño e Alberto Fernández.

O obxectivo principal de Mosquera na carreira francesa é ir collendo a forma pensando na Vuelta, que é agora o seu grande obxectivo para este ano. Así, explicou que "a miña condición física non debería dar para estar adiante na montaña", explicando tamén que chega con "algo de peso de máis para estar disputando" as posicións de cabeza. Dixo que este é un estado de baixa forma consentido, xa que "aproveitando a fractura no pulso, considerei que debía facer unha parada en regra, porque se paras pero aos quince días xa estás con bo nivel, ese descanso valeu de pouco".

Sobre a recuperación da lesión Mosquera dixo que "só nalgún momento noto unhas pequenas molestias na articulación, pero na zona danada non teño ningunha dor". Con esta carreira o líder do Xacobeo comeza unha preparación que o debería levar nas mellores condicións até o final do verán, para participar na rolda española. Falando desta proba dixo que "ten máis finais en alto que o ano pasado e menos contrarreloxo, aínda que na pasada edición unha das etapas cronometradas era unha cronoescalada".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: