Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Liga de Campións

O Barça fura Europa

Copa, Liga e Champions. Por esa orde fixeron historia os barcelonistas, que este mércores lle bailaron a sardana futbolística ao Manchester na final europea.

Redacción - 10:00 28/05/2009

Paciencia e fútbol. Así o expuxeron os blaugranas para armar historia sobre o campo romano onde este mércores se disputaba a final da competición europea máis importante, a Liga de Campións. O conxunto adestrado por Josep Guardiola fixo honor á filigrana de equipo e ao debuxo das xogadas que o trouxera até esta data arrincando a admiración de seareiros de cores futbolísticas diversas e apañou un trofeo ben merecido.

Comezou o encontro con susto e presión do Manchester, que afogou nos primeiros minutos a inspiración barcelonista e lambeu o balón a portería defendida por Víctor Valdés en varias ocasións. De aí para adiante, e na primeira cadea seria de pases que lle adicaron á herba romana os culés, Iniesta púxolle un balón de ouro aos pés de Eto'o que, á súa vez, foi quen de colocar a bola lonxe da estirada de Van der Sar. Era o 1-0. E a partir de aí subiu a tensión en Roma até o minuto 90.

No que seguiu do enfrontamento, a teoría coa que o United de Alex Ferguson lle poñía cara ao Barcelona de Guardiola virou na práctica nun dominio claro do balón da parte dos cataláns, atravesado de refachos de calidade da escadra inglesa. Con todo, a festa selouna Messi. O pequecho arxentino medrou outra vez a pé da área menuda para meterlle a cachola a un balón que viña por arriba e sorprendeu a rivais e bancadas furando a porta implacábel. Foi o 2-0 final. Deica o final, tensa xolda futboleira até que o árbitro concedeu o final e abriu a festa barcelonista.

Recomendámoslles ampliar en:


4.64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: