Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
REBECA MARIÑO, TAEKWONDISTA

"Podemos competir con seleccións nacionais doutros estados"

A deportista de Boiro gañou este sábado o seu primeiro campionato estatal absoluto, axudada pola calor do público que se xuntou en Ourense para ver o torneo.

Pablo García Martínez - 17:25 24/03/2009
Rebeca Mariño

Rebeca Mariño

Malia estar no máis alto do taekwondo dende nova, Rebeca Mariño estreouse neste campionato como vencedora da categoría absoluta a nivel estatal, un título que se lle resistía. Rebeca compaxina o seu adestramento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra co estudo dun doutorado no eido das Ciencias do Deporte, para o que recibe unha bolsa de investigación da UVigo. Ademais, cursa un máster sobre administración e xestión no deporte ofrecido de xeito conxunto pola Universidade Complutense de Madrid e o Comité Olímpico Español.

Pensas que estes resultados serven como indicador do nivel real do taekwondo galego ou poden estar condicionados polo feito de que estiverades máis preparados que o resto para competir cos petos novos?

Reflicten un nivel real. Somos un grupo de deportistas que fomos medrando xuntos, pouco a pouco. Un claro exemplo da fiabilidade destes resultados é que antes deste campionato, no estatal sub-21, Galiza xa dominou e alí competiuse con outro modelo de petos electrónicos. Estamos por enriba doutros Centros de Alto Rendemento (CAR), tanto cuns petos como cos outros. Os petos son iguais para un competidor e para o outro, iguálannos.

O feito de que gañaras o campionato estatal despois de estar varias veces perto de esta medalla pode supoñer un exemplo contra o desánimo para as vindeiras xeracións?
O primeiro é que isto debe gustarche e tes que ser constante. Eu xa tiña tido bos resultados, pero nunca gañara o absoluto estatal. Se levas traballando tempo as cousas acaban saíndo, pero tenche que gustar porque senón abandonas cando as cousas se torcen algo.

Unha vez que non hai dúbidas de que a galega é a máis potente das seleccións do estado, que pensas con respecto a outras seleccións, alén das fronteiras estatais?
Podemos competir con seleccións nacionais doutros estados. O claro exemplo tivémolo en competicións como os abertos de Bélxica, Croacia ou Corea onde acadamos varias medallas. Temos un gran nivel competitivo como Galicia, sen contar con España.

Que supón este campionato para ti?
A nivel deportivo isto supón entrar directamente a formar parte da selección española e, polo tanto ir a máis competicións, como poderían ser os Xogos do Mediterráneo ou o vindeiro mundial. A nivel social non se produce ningún cambio e no eido económico a variación é que volverei a recibir as axudas que a Xunta da aos deportistas de elite.

Cales consideras os motivos do éxito que está experimentando o taekwondo galego?
Traballo, traballo, traballo e máis traballo. Houbo un esforzo común por parte de deportistas, adestradores e clubs: todos xuntamos forzas, comezando pola federación galega que pagou para que puideramos desprazarnos a loitar en torneos internacionais, coa idea de que melloráramos a nosa competitividade. Dun xeito semellante obraron os clubs que tiveron posibilidades. Despois está o gran traballo feito no CGTD ao lado do adestrador Jesús Benito, que creou un grupo capaz de ter grandes resultados agora e tamén no futuro. Eu penso que neste CAR está o futuro do taekwondo galego e tamén a nivel estatal.


4.92/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: