"Un Programa pola Terra" recolle unha serie de propostas para que os diferentes partidos políticos as integren na súa acción de goberno ou de oposición durante a vindeira lexislatura
O vindeiro 1 de marzo celebraranse eleccións autonómicas en Galicia. A Xunta de Galicia ten transferidas e recoñecidas amplas competencias para contribuír a acadar un futuro sostible para o noso país. A amplitude da crise ambiental global, encabezada polo cada vez máis perceptible cambio climático, a extenuación dos recursos naturais e o incremento das desigualdades sociais, é de tal magnitude que require un cambio gradual pero radical nas políticas desenvolvidas por tódalas Administracións e, particularmente, pola Xunta de Galicia.
O noso país contribúe a esta crise ambiental e é, cunha pegada ecolóxica moi elevada, un exemplo de insustentabilidade: arestora a poboación e o tecido socioeconómico galegos precisan dunha superficie do planeta equivalente a 5 "Galicias".
Este documento contén doce propostas concretas, factibles e realistas, que permitirían a transformación que a actual crise ambiental require. Están baseadas en tres principios básicos:
- O actual modelo económico e social é inxusto e insostible.
- É necesario un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas.
- Participación e transparencia non poden quedarse só en verbas.
12 PROPOSTAS POLA SUSTENTABILIDADE PARA A PRÓXIMA LEXISLATURA
1. Reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) de forma que en 2012 non superen nun 15% as de 1990.
2. Decrecer o consumo de enerxía e promover máis as renovables sen destruír o territorio.
3. Establecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas e redacción e aprobación dun Plano Integral de Transportes sustentable.
4. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa.
5. Defender a soberanía alimentaria e o equilibrio territorial para manter un mundo rural e mariñeiro vivos.
6. Parar a perda de diversidade biolóxica.
7. Implantar unha nova cultura da auga.
8. Pechar a incineradora de SOGAMA no 2017 e promover a redución e a reciclaxe dos residuos urbanos.
9. Avanzar na democracia participativa.
10. Fortalecer a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentable.
11. Impulsar a contratación pública verde.
12. Facer unha reforma verde do sistema fiscal autonómico.
Todo o documento, premendo aquí