Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Confirmada a cita futboleira do Nadal

O 27 de decembro: a Irmandiña contra 'la Roja'

Tal e como lles adiantara Vieiros, o combinado galego masculino vaise enfrontar a Chile. Mentres, o conxunto feminino xogará diante de Euskadi.

Redacción - 08:00 06/11/2008

A Federación Galega de Fútbol confirmou a última hora deste mércores que está pechado o acordo coa Federación Chilena de Fútbol. As negociacións que lles avanzáramos hai semanas chegan así a bo porto e será a selección de Chile a que veña a Galiza para o encontro amigábel do próximo 27 de decembro.

Segundo o pacto, entre os chilenos estarán varias das súas estrelas principais, entre outros: Claudio Bravo, quen xoga na Real Sociedad, Matías Fernández, enrolado no Villarreal C.F. e Mark González, do Real Betis. Na actualidade, o combinado chileno, coñecido como 'la Roja', pola cor das camisetas, disputa a clasificación para o Mundial 2010 de Sudáfrica, onde permanece empatada a puntos con Arxentina no cuarto posto do grupo suramericano, tan só a un punto de Brasil, segunda na clasificación.

Por outro lado, a Federación tamén confirmou que haberá partido en categoría feminina. As irmandiñas, que se enfrontaran na estrea coa camisola oficial no Nadal de 2007 fronte a Cataluña, disputaranlle agora a vitoria no amigábel de 2008 á selección de Euskadi.

A dúbida fundamental dentro da Federación Galega é agora o estadio no que se van xogar os encontros masculino e feminino. En primeiro lugar falta decidir si mulleres e homes xogarán o mesmo día, cousa que parece presumíbel. A outra grande dúbida que existe neste momento reside na elección do estadio.

Até o momento cada partido xogouse nun estadio diferente e o ano pasado máis de 20 mil persoas acudiron a Vigo. Só Balaidos e Riazor teñen capacidade para acoller esa cantidade de xente, polo que o debate agora é si deben continuar a levar os equipos nacionais de fútbol polos diferentes currunchos do país ou centralizalo en recintos que permitan a asistencia masiva dos siareiros.


4.71/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: