Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FRANCES ELIZABETH ALLEN

A primeira "Nobel" da Informática confía en que a muller gañe presenza no sector

Galardoada co premio Turing, a investigadora estadounidense atópase esta semana en Compostela convidada polo programa ConCiencia da USC.

Redacción - 17:40 29/10/2008
Frances E. Allen

Frances E. Allen

A primeira muller que recibiu o premio Turing, a estadounidense Frances Elizabeth Allen, está presente estes días en Compostela para formar parte do programa ConCiencia. Allen, galardoada no ano 2006 co considerado Nobel da Informática, asegurou este mércores que "as mulleres volverán interesarse pola Ciencia da Computación cando esta sexa esencialmente relevante para a sociedade".

Dese xeito, Allen xustificou a relativamente escasa presenza da muller na investigación informática. En calquera caso, amosou a súa confianza en que as novas formas de vida, mellores horarios e áreas de traballo "máis atractivas" propicien a volta da muller a ese eido, co que achegarán "máis pragmatismo".

A convidada afirmou que nos atopamos nun momento "de inflexión" para a informática, coa fusión da comunicación e da computación, "mellorando a súa utilidade". Tamén salientou que as novas tecnoloxías son cada vez máis baratas, o que aumenta a súa accesibilidade para as persoas con menores recursos. Nesa liña, dixo que se están a aproveitar fontes de enerxía como a solar para "incrementar a accesibilidade ás zonas deprimidas do planeta".

Allen reuniuse este mércores con investigadores das universidades da Coruña e de Santiago para intercambiar experiencias e aconsellalos na súa carreira científica. O xoves pronunciará unha conferencia pública no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia na capital do país, co título 'Unha peregrinación polas altas sendas da computación'. O acto estará aberto ao público e contará con tradución simultánea.

Así mesmo, Frances E. Allen ofrecerá un coloquio a mulleres investigadoras, que terá lugar o venres ás 12:30 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, organizado pola Unidade Muller e Ciencia. Nela estarán, tamén, a vicerreitora de Investigación e Innovación, a secretaria xeral de Igualdade e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

O programa ConCiencia ten como obxectivo difundir a importancia do saber científico entre a cidadanía. Dende o ano 2006 trouxo a Compostela persoeiros da máxima relevancia científica, quer Premios Nobel, quer con galardóns equivalentes nas súas disciplinas. Este ano estarán, ademais de Allen, o Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, e o de Física de 1999, Gerardus 't Hooft. En maio xa estivo o Nobel de Medicina 1989, Harold E. Varmus.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: