Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DATOS OFICIAIS

Máis de cinco millóns de descargas de OpenOffice 3

A meirande parte das baixadas do paquete ofimático libre foron para Windows, xusto cando Microsoft Word fixo 25 anos.

Redacción - 19:00 27/10/2008

A versión 3.0 do paquete ofimático libre OpenOffice.org superou os cinco millóns de descargas, tres millóns delas na súa primeira semana de lanzamento. Segundo os datos publicados no blog do seu responsábel de marketing, John McCreesh, o 80% das descargas foron da versión para Windows. O éxito foi tal que, durante as primeiras horas, os servidores sobrecargáronse.

Casualmente, o lanzamento de OpenOffice.org 3.0 coincide co 25 aniversario do seu principal competidor -e líder do sector- o Microsoft Office, paquete ofimático privativo e comercial por excelencia. O gran volume de descargas de usuarios de Windows pódese deber a que OpenOffice é a principal alternativa de balde aos produtos comerciais para ese sistema operativo.

Os datos correspóndense só ás descargas dende os servidores oficiais de OpenOffice, de aí que só se rexistrasen 221 mil descargas de Linux, cuxos usuarios adoitan recibir as actualizacións directamente dende os servidores da súa distribución. Tamén hai moitas traducións da aplicación que se distribúen a través de webs alternativas, como é o caso da galega, aloxada en Mancomún -ademais de nos servidores oficiais de OpenOffice.

Tamén é a primeira versión de OpenOffice que se publica nativamente para Mac OS X. Na primeira semana descargaron o software 320 mil usuarios dese sistema operativo.

Segundo os cálculos de McCreesh, o paquete ofimático pode estar xa instalado en arredor de cinco millóns de computadores de todo o mundo. O seu obxectivo é acadar o 40% do mercado ofimático no ano 2010, porcentaxe que "xa non semella tan ambiciosa hoxe como hai catro anos", asegura McCreesh.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: