Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Galisigno

As TIC axudan a rachar barreiras fronte ás eivas na atención ás persoas con déficit auditivo

A Asociación Lucense de Xordos puxo en marcha un xornal electrónico que permite o acceso á información no idioma de signos.

Redacción - 12:00 10/08/2008

No estado español perto dun millón de persoas están afectadas por algunha discapacidade auditiva, unha cifra que en Galiza ronda as 76.000. A vida diaria complícase nas tarefas máis cotiás e manterse ao día da información pode supoñer unha dificultade engadida para este colectivo. En Lugo, a Asociación Lucense de Xordos vén de poñer en marcha unha iniciativa para achegar a actualidade no seu idioma a aqueles que se comunican por signos. As novas tecnoloxías alíanse con este obxectivo en "galisigno.com", un xornal electrónico que conta coas noticias traducidas á linguaxe xestual.

Galisigno é un proxecto xornalístico, que ofrece información trilingüe, en galego, castelán e lingua de signos, ao tempo de tenta dar a visión da comunidade xorda ante os principais acontecementos sociais. Actualízase constantemente, coa publicación dunha media de catro ou cinco noticias diarias. En funcionamento dende o pasado 26 de xuño, xa recibiu máis de 2.500 visitas. Na web podemos atopar información sobre Galiza, internacional, sobre deportes, sobre política... ademais de noticias directamente vencelladas co colectivo xordo. O presidente do colectivo, Miguel Fernández Otero, subliña a aceptación do proxecto, por mor das características da nosa xeografía, onde a dispersión poboacional dificulta aínda máis a relación entre moitos xordos.

Este é o primeiro proxecto dun xornal electrónico dirixido a xordos en Galiza, se ben outros colectivos como a Asociación de Xordos de Vigo ou a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza xa tiñan un portal web, este último tamén con algunhas palabras en linguaxe de signos. Sen embargo o formato de diario é novidoso no noso país, se ben hai iniciativas semellantes noutros lugares do estado español, como en Andalucía con "diariosigno.com" ou en Cataluña con "webvisual.tv".

Outras necesidades
Malia os avances, as demandas deste colectivo en Galiza son aínda moitas. En Galiza só hai un centro público de formación profesional (o IES Anxel Casal na Coruña), e dous privados (Instituto Tomás Barros na Coruña e a Escola de Enfermería de Povisa, en Vigo) nos que se imparte un curso de interpretación de lingua de signos. 150 prazas para atender a unha poboación de 76.000 persoas non parece unha ratio moi axustada. Ademais, nos centros de educación infantil e primaria galegos non existen intérpetes de lingua de signos, senón que os pequenos teñen que acudir a outros centros de escolarización.

Ademais destes problemas, colectivos como a Federación de Asociacións de Persoas Xordas denuncian dificultades na súa vida diaria para realizar xestións como solicitar un certificado, recibir atención médica, ter asistencia letrada nun xuízo ou mesmo ver a televisión.


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: