Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Constitución do novo órgano de xestión

Traballo"transversal" e "en rede" para dinamizar os parques naturais do país

Dez consellerías e os municipios que conviven con estes espazos colaborarán no Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia.

EP / Redacción - 18:00 14/07/2008

Un total de dez departamentos da Xunta así como os alcaldes dos municipios que albergan parques naturais traballarán de forma conxunta para converter estes espazos en "elemento dinamizador", un obxectivo para o que se reunirán de forma periódica no marco do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia.

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, presidiu este luns a reunión constitutiva deste órgano, que pretende alcanzar a "transversalidade" do Goberno na xestión dos parques naturais mediante o desenvolvemento de políticas públicas sectoriais integradas que se apliquen no territorio de forma intensiva e coordinada.

Nesta liña, marcouse como obxectivo traballar "en rede" no seo da Xunta para conseguir que as 2.200 persoas que viven nos seis parques naturais do país, nunha superficie aproximada de 40 mil hectáreas, sexan uns "cidadáns privilexiados", en troques de sometelos a "restricións e agravios comparativos".

Con este obxectivo, ademais de Medio Ambiente, forman parte do consello os departamentos de Medio Rural, Turismo, Cultura, Vivenda, Urbanismo, Educación, Traballo, Economía e Pesca. Tamén están representados neste órgano as xuntas consultivas de cada parque natural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as tres universidades e dous representantes de asociacións ecoloxistas (ADEGA e Amigos da Terra), ademais dos alcaldes que albergan parques naturais (12 en total, representantes de arredor de 80 mil persoas).

"Política nihilista" do anterior Goberno

Para Vázquez, é "relativamente doada de mellorar" a calidade de vida dos habitantes dos parques, e amosouse convencido de que se poden converter nun elemento de dinamización da actividade socioeconómica.

Neste senso, reivindicou a "liña argumental de investimento" da Xunta e, a xeito de exemplo, referiuse aos proxectos postos en marcha polo departamento de Medio Ambiente para superar a "política nihilista" do anterior Goberno nesta materia.

Así, aludiu ao programa Emprego Natura, impulsado en colaboración coa Consellaría de Traballo por valor de seis millóns de euros. Tamén, o proxecto Parques para vivir, que supón un investimento aproximado de quince millóns de euros; o presuposto ordinario para parques naturais, de catro millóns; e investimentos en abastecemento e saneamento, por valor de sesenta millóns, sinalou.

"Resistencia" dalgúns cidadáns
No entanto, Vázquez recoñeceu a "resistencia" dalgúns cidadáns aos parques naturais, por exemplo, nos Ancares e no Courel. Ao respecto, explicou que negociarán cos habitantes dos Ancares para que esta zona se converta nun novo parque natural coa "complicidade" dos veciños.

O Consello da Rede de Parques Naturais hase reunir de novo no mes de outubro nun encontro "máis participativo e activo", en palabras do director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, co obxectivo de crear o plan director destes espazos.

O conselleiro de Medio Ambiente ostentará o cargo da presidencia do Consello, e o director xeral de Conservación da Natureza, o da vicepresidencia. Ademais, haberá máis de trinta vogais, representantes da administración autonómica e local.


3.25/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: