Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Agricultura e alimentación

"A coexistencia de produtos naturais e transxénicos é imposíbel"

A Plataforma Galega Anti-Transxénicos reclama a declaración do noso país como zona libre destes produtos, e esixe unha etiquetaxe máis estrita para informar ao consumidor.

Redacción - 14:10 07/04/2008

En Galiza xa existen plantacións comerciais de cultivos de organismos modificados xenéticamente (OXM). Ante esta situación, a Plataforma Galega Anti-Transxénicos, formada por diversos colectivos procedentes de ámbitos dende a produción, até o consumo, ademais de outros grupos ecoloxistas, reclama ás administracións a declaración de Galiza como zona libre de transxénicos, para garantir a seguridade e a saúde das persoas, e unha lexislación de etiquetaxe máis estrita para que os consumidores poidan elixir se mercan ou non este tipo de produtos.

Aínda que nun principio se barallaba a idea de que os alimentos transxénicos axudarían a reducir a fame no mundo, a día de hoxe esta posibilidade esvaeceuse case por completo debido aos intereses das grandes multinacionais que xa comezan a facer negocio cos beneficios que lles ofrecen estes produtos. Segundo Charo Sánchez, do Sindicato Labrego Galego (SLG), "os transxénicos só representan os intereses económicos das grandes empresas internacionais, sen ter en conta os danos que isto pode facer aos produtores".

O ámbito ecolóxico tamén se ve prexudicado por este tipo de cultivos. "A coexistencia de produtos naturais e transéxicos é imposíbel" segundo indica o secretario executivo de Adega. Fins Eirexas, indica que actualmente só hai unha área de seguridade de 200 metros arredor dos campos de millo transxénicos galegos, pero "o polen que provén destes campos pode chegar moito máis lonxe, contaminando o millo de outras plantacións".

Endurecemento da lexislación de etiquetaxe

Outra das reclamacións da plataforma é o endurecemento da lexislación da etiquetaxe. Actualmente permítese a venda de transxénicos sempre e cando apareza na etiqueta, nun porcentaxe superior ao 0,9 por cento. "Non queremos ser consumidores pasivos", reclama o responsábel de Adega, "queremos que a porcentaxe se reduza ao 0,1 por cento, que é o máximo que consideramos para a contaminación accidental e os cidadáns poidan decidir por si mesmos se consume este tipo de produtos".

Son xa once os anos que se levan falando dos alimentos transxénicos, mais, como se pensaba nun principio, non se reduciron o uso de pesticidas nin herbicidas, feito que incide, segundo Analía Novais, de Amigos da Terra, tanto nos produtos como no propio solo onde se cultivan. Segundo a plataforma estes produtos poden producir efectos nocivos para a saúde, como alerxias, toxicidade ou resistencia ante os antibiótico, polo que é necesario informar á poboación tanto sobre estes riscos, como a porcentaxe que de estes elementos que ten cada alimento.


Documentos

4,72/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: