Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Falan o xogador máis vello e un dos máis novos

"O nacemento da selección de fútbol sala chega no momento preciso"

Pitu, do Leis; e Adri, do Azkar, cóntannos o que significa para eles o debut da irmandiña. Para os dous era unha débeda pendente co futsal de Galiza.

Redacción - 19:15 28/02/2008
Pitu, coa camisola do Leis co número 7

Pitu, coa camisola do Leis co número 7

Roberto Carlos García Carballo, Pitu (Vigo, 1973) é o xogador máis vello da irmandiña; e tamén do seu equipo, o Leis Pontevedra. Ademais, é un dos míticos da División de Honra do fútbol sala estatal. Sempre xogou en equipos do país (no Rías Baixas, no Ourense, no Parrulo...), pero onde botou máis tempo foi no Lobelle, e todos os afeccionados lembran o seu período como capitán do equipo compostelán.

Adrián Martínez Vara, Adri (Ferrol, 1986) é un xogadores máis novos da selección galega e do Azkar Lugo, no que xoga. Comezou xogando no Narón, despois pasou ao Parrulo de Ferrol (sendo cadete), e alí botou varios anos, até que fichou polo Azkar Lugo. Sempre xogou en Galiza, agás a tempada pasada que estivo cedido no GSI Inmogroup Bilbo. O nacemento da selección nacional faille moita ilusión, pero se cadra o que máis o entusiasma é vestir a camisola de Galiza na súa cidade.

"É algo histórico... pero debera terse feito antes"
Para ámbolos dous xogadores a creación da selección nacional de futsal era unha débeda pendente: "a verdade é que despois da de fútbol e da de balonmán, xa lles tocaba ás de fútbol sala e á de baloncesto. A de baloncesto xa foi adiante, e agora era o momento da nosa. E habendo tres equipos galegos na máxima categoría... Penso que é algo histórico, aínda que tiña que terse feito algo antes", dixo Pitu.

O defensa do Leis tamén pensa que a irmandiña do futsal vén no momento xusto, cando está "chegando a miña retirada". Pitu díxolle a Vieiros que está pensando en deixar o fútbol sala: "teño case 35 anos, e se non remato a miña carreira nesta tempada, será a próxima", e que por iso a chamada da selección chégalle no mellor momento. "Se se crease tres meses despois, eu seguro que non podería xogar... Hai tempo que agardaba que se crease, e alegreime moito de que os seleccionadores contasen comigo para este encontro, porque así podo ter unha semi-retirada digna. Para min, chega no momento xusto".

"É un orgullo lucir a camisola da terra na que me criei"
Dixo Adri cando lle preguntamos polo que significaba para el a creación da selección galega de futsal, e engadiu: "Sempre xoguei aquí, agás a tempada pasada, e aínda que case sempre se di que non, as cores pesan moito".

Adri, que leva dende os 4 anos dándolle ao futsal, tamén salientou que a selección "vaille vir moi ben ao futsal galego, porque pode axudar a fomentar este deporte por todo o país... este partido é moi bo para Galiza!". Ademais para o ala do Azkar, que a selección debute en Ferrol fai este partido "aínda máis especial, porque xogo na casa, e van vir os colegas e a familia apoiarme".


4.38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: