Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONCURSO DE MICRORRELATOS ERÓTICOS

A papuxa, o pispilete e o chíquele-chíquele

O vocabulario que empregamos os galegos é cada vez máis pobre e vai perdendo sutilezas. O 'Ferve a rede' permite estimular (tamén) a imaxinación.

Redacción - 12:15 11/02/2008

O sexo oral, é dicir, o que sae da boca, o que se di, o que se besbella e/ou se berra, cada vez é de peor calidade en Galiza. O léxico sexual dos galegos foise transformando nun aquí-te-pillo-aquí-te-mato, escasamente imaxinativo e con poucas alternativas. Como se non houbera palabras na lingua! Francisco Macías, director de Edicións Positivas estende esta pobreza léxica mesmo aos artesáns da palabra, aos escritores. Hai uns seis anos (nas Letras de 2002) Vieiros puxo en marcha a súa iniciativa Traballas ou trebellas? (O vocabulario sexual galego), co obxectivo de recoller e difundir este patrimonio inmaterial e tan útil.

Naquela lista aparecían dende os máis estendidos crica, caralla, chuchas ou botar un foguete e andar choca, até termos moitos menos habituais, algúns xa case que perdidos, e outros moi específicos dalgunhas comarcas do país, ou mesmo termos inventados, persoais, o que non lles resta validez nin importancia. Que son os conselleiros, por exemplo? Ou percebe, ou panfanuca?

O certame de microrrelatos eróticos que comeza este luns en Vieiros pode ser unha boa oportunidade para ser imaxinativo, para prácticar novas experiencias, para normalizar a lingua dende o máis íntimo. Moitas veces a sutileza está en chamarlle ás cousas polo seu nome, pero fuxindo das rutinas lingüísticas. E se o premio é unha viaxe a Venecia, pois que mellor excusa para quentar os miolos.


4,79/5 (29 votos)