Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FOI UN MARTES E 13

Cúmprense dez anos do 'Discoverer Enterprise'

O buque destrozou a Ponte das Pías obrigando aos ferroláns durante meses a dar un rodeo de vinte quilómetros para saír da cidade.

Redacción - 07:14 13/01/2008

Aquela noite do 13 de xaneiro de 1998 sopraban no interior da Ría de Ferrol ventos de máis de 140 quilómetros por hora. O Discoverer Enterprise, unha plataforma petrolífera construída en Astano rachou as súas amarras e esnafrouse contra a Ponte das Pías, destrozando a súa parte central e ciscando os cascallos no rico banco marisqueiro existente ao pé da infraestrutura. A ponte constituía a única vía de comunicación directa entre Ferrol e Fene, e por ende, coas estradas e autoestradas en dirección ao resto de Galiza.

Durante case tres meses os ferroláns tiveron que dar un rodeo de case vinte quilómetros por Narón e Fene para saír en dirección a Coruña, por exemplo, orixinándose na antiga estrada interminábeis atascos. Así mesmo, a necesidade popularizou o uso do tren e máis das lanchas que comunicaban Ferrol con Mugardos.

A raíz do accidente, o goberno central prometeu acelerar os procesos de construción do treito Fene-Ferrol da AP9, que finalmente tardou case seis anos en executarse. En cambio, outras dúas promesas:a gratuidade deste treito e o desdobramento da Ponte das Pías, que pasou de dous a catro carrís, si se cumpriron con celeridade.

O 10 de marzo de 1998 inaugurouse a nova ponte, regresando a Ría de Ferrol á normalidade.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxes recollidas no blog http://funkoffizier.wordpress.com
Imaxes recollidas no blog http://funkoffizier.wordpress.com