A segunda edición do ciclo 'Vangardas Sonoras' de Caixa Galicia ofrecerá concertos en Ferrol, Pontevedra, Coruña e Compostela.
O pasado ano Vangardas Sonoras permitiu ver en directo a algúns dos artistas máis recoñecidos no 2007, como Micah P. Hinson, Will Johnson, Elliot Murphy ou Camera Obscura. No 2008 o ciclo repite, con catro actuacións en catro cidades, e con Nacho Vegas & Cristina Rosenvinge e os irlandeses The Frank and Walters como artistas máis destacados.
O ciclo abrirase no Café Moderno de Pontevedra, onde o norteamericano Sid Griffin tocará o 31 do presente mes de xaneiro. A seguir, sera a quenda de The Frank and Walters, que practican un auténtico Brit Pop, aínda que dez anos despois da época dourada de Oasis e Blur. De feito, publicaron o seu primeiro álbum en 1992, Trains, Boats and Planes, continuado por The Grand Parade, Beauty Becomes More Than Life e Glass. Agora presentan o seu último traballo, A Renewed Interest in Happiness, publicado en 2006. Estarán o 7 de febreiro en Ferrol, primeiro concerto no noso país.
Compostela recibirá o 26 de marzo ao grupo Piano Magic, que presentará o seu sétimo disco, e o 28 de marzo actuarán na Coruña, no Teatro Colón, Nacho Vegas & Christina Rosenvinge, que en outono editaron un ep conxunto con seis cancións. O xixonés Nacho Vegas, que en 2006 gravou un disco conxunto con Enrique Bunbury, non actuaba en Galiza dende marzo de 2006 cando estivo en Vigo.