Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Terra Viva e Vida Digna para tod@s

Manifestación Galiza Non se Vende:

6 de maio ás 12:00. Santiago de Compostela

Saída dende a Alameda

Litoral Vivo e outros asinantes - 01:43 06/05/2007
Tags:

A nosa vida non se entende sen o territorio: sobre el temos a nosa vivenda, por el nos desprazamos, del tiramos alimento e enerxía, nel deitamos os nosos residuos, traballamos, pasamos o noso tempo de lecer… e o facemos desde hai séculos, nel está a nosa historia. O territorio que habitamos conta con paisaxes fermosas ou singulares e alberga, ademais, muitas outras formas de vida, acubilla biodiversidade.

O territorio condiciona as nosas vidas, mais tamén temos unha cada vez maior capacidade de modificalo. Combinando desleixo e unha estrema ambición depredadora levamos décadas destruíndoo e xustificámonos argumentando que é para xerar emprego, para nos desenvolver, para vivir mellor…

Este uso insustentábel do territorio está destruír a paisaxe e o noso patrimonio cultural, está a empobrecer a biodiversidade, está a empiorar a nosa cualidade de vida e a hipotecar a das xeracións futuras, para, como muito, enriquecer a unha minoría. Galiza perde poboación ao tempo que estende o seu solo artificializado.

Urbanismo caótico, infraestruturas de transporte irracionais, campos de golf, portos deportivos, encoros, piscifactorías, parques eólicos indiscriminados, paseos marítimos e fluviais ríxidos, recheos, monocultivos de especies exóticas e invasoras, nulo respeito polas figuras de protección ambiental e os espazos naturais protexidos… teñen unha cousa en común: a inexistencia dun ordenamento territorial sustentábel.

Denunciamos o elevado nível de destrución do territorio que estamos a atinxir, mais tamén acreditamos na capacidade que aínda temos para reaxir. Aínda é posíbel deseñar e desenvolver unha política de ordenamento territorial sustentábel, que respeite a paisaxe e o patrimonio, que nos permita convivir cunha rica biodiversidade, que mellore a nosa cualidade de vida sen hipotecar a das xeracións futuras.

Sabemos que a xeración de emprego de cualidade, o aceso a unha vivenda digna e o gozo do noso tempo de lecer non é incompatíbel coa sustentabilidade, senon todo o contrario, e por iso demandamos un imediato cambio de rumo.


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: