Porfía en outubro de 1917, contra a avinza de civilizacións. Na universalidade e nos acontecementos, contra o xiro cultural da pos-política. O esloveno Slavoj Zizek instálase nos alicerces da ideoloxía contemporánea, para lle procurar seísmos. A súa obra ten vocación de praga. No Consello da Cultura Galega, estendeu un discurso de encrucilladas teóricas que, se ben non entorna unha praxe, si devece antagonismos. Unha entrevista de Aurelio Castro con fotografías de Quico López.
Slavoj Zizek, no Consello da Cultura Galega
“REPETIR Lenin NON significa unha VOLTA a Lenin –repetir Lenin consiste en aceptar que ‘Lenin morreu’, que a súa solución particular fracasou, mesmo monstruosamente, mais que hai nela un escintileo utópico que paga a pena rescatar. (...) Repetir Lenin significa insuflar nova vida a esta esperanza que continúa atormentándonos”, escribiu Slavoj Zizek. En arrepor tal esperanza do seu esboroamento berlinés, da teoría posmoderna, de terceiras vías, consiste sobre todo o pensamento do esloveno. “Repetir Lenin” é o que o verso quebrado para Maiakovsqui, o que a micropolítica para Michel Foucault. É o sedutor aceno intelectual, mesmo consigna, que despregou novamente no Consello da Cultura Galega.
Houbo á fin que dar en Lavacolla co tránsito arroutado do seu inglés. Lacan e Hugo Chávez, o multiculturalismo e Kant, san Pablo e mais o solipsismo internauta, atravesan marcialmente os labirintos verbais deste profesor de Ljubljana. No entanto, a primeira cuestión ten a ver co que lle apuxo Ernesto Laclau no libro colectivo Contigencia, hegemonía, universalidade. Diálogos contemporáneos en la izquierda: “Cal é a súa estratexia política para acadar eses obxectivos un tanto peculiares? Se non dá, cando menos, un comezo de resposta a tal pregunta, o seu anticapitalismo é unha simple cháchara baleira”. Certamente, sábese pouco das premisas teórico-prácticas de Slavoj Zikek para incitar procesos revolucionarios. Como repetir Lenin? “A miña é unha proposta modesta”, asegura.
“Se lle entendín ben, propoñer unha coalición de loitas políticas implicaría que a miña filosofía ha de ser teleolóxica ou algo así. Non concordo. Hai na actualidade un antagonismo, unha situación aberta. É por iso que temos que loitar. A miña posición non garante unha solución final. O único certo é que teremos que confrontar tensións a piques de estoupar: medio ambiente, pobreza, novos apartheids, etc. Descoñezo que caste de sociedade virá. Talvez saia vencedora algunha nova forma de autoritarismo, non o sei. A única teleoloxía do meu pensamento é que temos un problema que resolver”, revela. Tampouco quere outorgarlle a un suxeito político concreto o labor emancipatorio: “Xa non acredito sequera na idea dun axente privilexiado, dunha clase obreira. Pode que sexan as clases medias, pode que a xente dos arrabaldes, pode que sexa ao cabo unha coalición. Non hai garante, todo é máis aberto”.
Slavoj Zizek (Liubliana, 1949) comparte a cátedra do Instituto de Estudos Sociais da súa cidade natal coa docencia na Universidade París VIII. Lúcido analista do capitalismo serodio, dende a equidistancia das teorías marxiana e psicanalítica a súa obra convídanos a retomar Lenin, dalgún xeito, fronte ao cinismo da razón dominante.Contradición ou recato teórico? O marxismo de Zizek parece esgazar pola décimo primeira Tese sobre Feuerbach. A que reclama unha filosofía que transforme o mundo, no canto de interpretalo. En Repetir Lenin, outra volta, o pensador esloveno conviña como Adorno en que “a primeira tarefa [teórica] de hoxe cadra precisamente con NON sucumbir á tentación de actuar, de intervir de xeito directo para mudar as cousas (...) e en dedicarse, en troques, a cuestionar as coordenadas ideolóxicas hexemónicas”. Non por acaso, o seu discurso rexeita radicalmente a culturización contemporánea da política. Quer o conflito de civilizacións de Samuel Huntington, coma o feixe de subxectividades alternativas que acubilla o posfeminismo, o propio da posmodernidade foi erguer unha coartada ideolóxica para exiliar outubro de 1917 da nosa axenda. “A tolerancia é o sucedáneo pospolítico de solucións directas”, afirmou no CCG. Dun proxecto socialista que, entrado o S.XXI, arelaría aínda a toma do poder.
A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 119, abril de 2007)