Galiza é, depois de Estremadura, a segunda autonomía do Estado con menor porcentaxe de fogares con acceso a internet. A media estatal de casas conectadas é do 41,1%.
O Instituto Nacional de Estatística, INE, publicou este venres a súa “Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías de información e comunicación nos fogares”. Segundo os datos ofrecidos no informe, só Estremadura, cun 25%, supera negativamente o índice galego de fogares con acceso a internet, que se sitúa no 30,7%.
O estudio reflicte ademais que case o 60% dos inmóbeis galegos carecen de ordenador e sinala que no 40,4% dos fogares con polo menos un membro de 16 a 74 anos dispón dalgún tipo de computador.
Galiza tamén se sitúa no vagón de cola no referido ao uso da rede entre persoas de idades comprendidas entre os 16 e 74 anos. Neste sentido, só catro de cada dez suxeitos deste segmento utilizaron internet nos tres meses anteriores ao desenvolvemento da enquisa. A Comunidade de Madrid lidera este ranquin con pouco máis dun 60%.
Enfrontamento no Parlamento pola futura cobertura da banda larga
A publicación da enquisa realizada polo INE coincidiu coa Comisión de Industria do Parlamento na que se aprobou o Plan estratéxico galego da Sociedade da Información. O texto foi aprobado cos votos a favor do PSdeG e BNG logo de rexeitar as seis propostas de resolución presentadas polo Partido Popular.
Os populares querían elevar do 90 ao 100% a porcentaxe prevista de poboación galega con acceso á banda larga en 2010, proposta que socialistas e nacionalista rexeitaron por ser “propaganda”. Segundo o deputado nacionalista Fernando Blanco, na actualidade "hai vivendas habitadas que non teñen luz eléctrica" e preguntouse como pretende o PP lograr a totalidade da cobertura de banda ampla.
Deste xeito, cualificou de "propaganda" a proposta do deputado popular Ángel Bernardo Tahoces e fronte a ela defendeu como "serio" o plan de sociedade da información que presentou hoxe a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela.