Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tres vítimas seguen loitando por unha desculpa

Xapón non recoñece o secuestro de escravas sexuais durante a II Guerra Mundial

Algunhas das superviventes dirixíronse a semana pasada á Cámara de Representantes dos EUA para instaren ao goberno xaponés a recoñecer este feito.

Redacción - 12:32 20/03/2007
Lee Yong Soo/ AFP/Paul J. Richards

Lee Yong Soo/ AFP/Paul J. Richards

Lee Yong Soo segue á espera dunha desculpa de Xapón dende 1945. Tres anos antes, cando tiña dezaseis, secuestrárona de Taiwán para levala a Corea do Sur. Alí, como centros de miles de mulleres, foi utilizada como escrava sexual polos oficiais do exército xaponés. O goberno nipón, medio século despois, comezou a enviarlle cartas de perdón e cartos, pero ela rexeitounos. O que quere é recoñecemento dun feito histórico: o secuestro de 200.000 mulleres de Tailandia, Vietnam, Singapur, China, Corea, Taiwán, ou Indonesia, por parte do exército imperial durante a II Guerra Mundial. Para referirse a estas nenas, adolescentes e mozas, segue a empregarse o eufemismo “mulleres de consolo” (confort women), e delas aínda se di que traballaban en “estacións de desafogo”. Foron capturadas polo exército para prostituílas durante a ocupación de varios países asiáticos entre 1932 e o 45. A maioría destas mulleres sobreviven, incapacitadas de traballar, grazas a subsidios outorgados polos seus países. Xapón, entón potencia militar e aínda hoxe potencia económica rexional, nega a súa responsabilidade.

Mais o primeiro ministro conservador Shinzo Abe declarou perante a Dieta (parlamento xaponés) que "ningún testemuño" respecto da explotación de escravas sexuais a mans do exército imperial "está baseado sobre proba ningunha”. Uns 120 lexisladores do Partido Liberal Democrático presentaron unha moción que dilúe os pedidos de desculpa oficiais do pasado: Abe sostivo que apoiou a declaración formulada en 1993 polo entón secretario do gabinete, Yohei Kono, na que o goberno admitía as tácticas coercitivas do exército xaponés contra as mulleres explotadas en bordeis militarizados montados na fronte de batalla. Mais a posición do goberno xaponés implica unha aceptación de responsabilidade moral, pero non legal. Hoxe en día, o Partido Liberal quere modificala por considerar que dana “a imaxe do Xapón”.

Doazóns privadas e cartas de desculpa, pero non recoñecemento

Xunto con outras dúas mulleres na súa mesma situación, Lee Yong Soo viaxou a Washington para brindar testemuño sobre a súa escravitude perante a Cámara de Representantes dos EUA, un último intento por lograr unha desculpa oficial. Michael Fonda, do Partido Demócrata, insta a Xapón a "recoñecer formalmente, desculparse e admitir clara e inequivocamente a súa responsabilidade histórica pola coerción que exerceron as súas Forzas Armadas Imperiais sobre mulleres novas e nenas, para usalas como escravas sexuais desde a década do 30, época da guerra e colonización de Asia e as illas do Pacífico".

O actual secretario do gabinete xaponés, Yasuhisa Shiozaki, prevé responder coa publicación de probas contra medios de comunicación estadounidenses que trataron o asunto baseados sobre “interpretacións inapropiadas”. O primeiro ministro salientou tamén que "coerción" tanto pode significar "irromper nas casas das mulleres e secuestralas", como que as mulleres "non quixesen ir pero accedesen dadas polas circunstancias".

En 1995, o goberno creou o semigobernamental Fondo de Mulleres Asiáticas, que recibía doazóns privadas para apoiar a ex escravas de Corea do Sur, Filipinas e Taiwán, e enviaba cartas persoais de desculpa de sucesivos xefes de goberno xaponeses. O Fondo entregou uns 14,6 millóns de dólares a unhas 360 vítimas, pero se disolverá, de acordo coa norma que o creou, a fins deste mes. O primeiro ex primeiro ministro socialista Tomichi Murayama sinala que xa é desculpa abondo, pero activistas como Lee Yong Soo néganse a recibir eses cartos, por viren de doazóns particulares e non do goberno. “Nós fomos alí pola forza, e queremos que o goberno o recoñeza”. O contrario supón “unha negación da historia”. Só 360 de 200.000 aceptaron os cartos.


3/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Antigas escravas manifestándose/ The Seoul Times
Antigas escravas manifestándose/ The Seoul Times
Mulleres escravas durante a guerra/ The Seoul Times
Mulleres escravas durante a guerra/ The Seoul Times