Socialistas e nacionalistas acordaron en xuño de 2005 as bases da súa convivencia na Xunta de Galicia sobre a base da lamentábel herdanza fraguista. O programa extensivo do poder posto en práctica polo ex ministro franquista dera como resultado a deturpación institucional e o debilitamento da sociedade civil. Por iso o punto terceiro do programa de cogoberno establecía como tarefa inmediata "a revitalización da vida democrática de Galicia, coa fin de incrementar a eficacia e a transparencia no funcionamento dos poderes públicos, eliminar o clientelismo e a manipulación informativa, e respectar as iniciativas sociais". A 500 días do cambio político no país abrollan os primeiros síntomas de decepción. Iago Martínez pulsa este desasosego a través dos colaboradores habituais de TEMPOS Novos na análise da actualidade galega, voces que no seu día saudaron publicamente a chegada do bipartito.
A vítima dos dezaseis anos de fraguismo non foi a oposición senón a propia sociedade galega. Ao proxecto monopolista, expansivo e excluínte que o ex ministro franquista quixo instalar en Galicia o poder executivo facíaselle pequeno. Fóra dos despachos da Xunta, que ocupou coa reiterada lexitimidade que tirou das urnas, Manuel Fraga levou a súa tamén indiscutíbel maioría parlamentaria a cotas de autoritarismo moi afastadas dos mínimos da ética democrática. Así o explicaba Anxo Guerreiro hai preto de 500 días en TEMPOS Novos, coincidindo co acceso de PSdeG e BNG ao poder. O ex presidente da Xunta, viña a dicir, arredara o Parlamento galego do centro do poder converténdoo, afogado na burocracia, nunha institución puramente simbólica e case irrelevante aos ollos do cidadán. O debate orzamentario, apenas un simulacro de funcionamento democrático furtado ao debate, foi boa proba desta realidade.
O mesmo fenómeno produciuse no poder económico. O de Vilalba arrodeouse de actores afíns colocando a persoas da súa confianza á fronte das empresas privatizadas polo Estado, sociedades que aquí ocupan a cerna do tecido industrial e prestan os grandes servizos públicos, dende as telecomunicacións até a enerxía. Reflexo desta vontade totalizadora da política fraguista foi tamén a súa relación cos medios de comunicación. Nos públicos, adiouse a súa profesionalización para manter rexa a correa de transmisión entre San Caetano e San Marcos. Nos privados, teceuse unha rede clientelar de axudas (normalización lingüística, publicidade institucional, información cidadá) que funcionou como unha compravenda de titulares e un garante de fidelidade ao discurso do PP, todo un secuestro da axenda política. De feito, a propia estrutura institucional dos poderes públicos, unha arañeira de órganos públicos e mixtos afastada dos problemas da Galicia real, fora posta ao servizo da reprodución política das elites.
Parlamento galego: na periferia da vida política
"O Parlamento galego", ao ver de Alba Nogueira, "segue sen estar no centro do debate político". Para esta profesora de Dereito na Universidade de Santiago, moi crítica co labor de Dolores Villarino na presidencia da cámara, no que ve "un marcadísimo nesgo partidario", son diversos os factores que poden explicar "unha vida parlamentaria tan pobre, na que paradoxalmente o PP non consegue facer unha oposición dunha certa entidade". É así que menciona a inexperiencia dos novos deputados, o acomodo dos cargos populares saíntes, a desvalorización do discurso político e a precariedade da maioría que apoia o Executivo, moi axustada, como causas posíbeis deste continuísmo.
O profesor de Ciencia Política Xosé Luís Barreiro Rivas atopa nos escasos riscos asumidos polo bipartito na vida parlamentaria unha das fontes principais de "decepción" do seu electorado, o mesmo efecto que para Santiago Lago, economista e profesor na Universidade de Vigo, pode ter producido na opinión pública a negativa a constituír unha comisión de investigación a respecto dos lumes que este verán afogaron o país nas lapas. Cómpre lembrar, nesta volta, que no documento de bases sobre o que PSdeG e BNG artellaron a súa convivencia política no Goberno autonómico constaba o propósito de "facilitar a constitución e o funcionamento" destas comisións.
Na mesma liña pronúnciase o editor Manuel Bragado cando sinala "o erro dos grupos que apoian o executivo ao impedir o funcionamento" da citada comisión, "reducíndoa a comisión de estudo e contradicindo o comprometido coa cidadanía no pacto de goberno". Máis polo miúdo, atribúe a este "relegamento" da cámara a "secundarización dos traballos da ponencia sobre o Estatuto", pechada ao día seguinte do fracasado encontro de Touriño, Quintana e Núñez Feijoo en Monte Pío, e a "baixa produción lexislativa da cámara, froito da baixa iniciativa" do bipartito.
Ao contrario que o biólogo Xabier Vázquez Pumariño, para quen o novo Parlamento "semella transmitir mellor que nos exercicios anteriores os debates que nel se producen", o economista Xoán López Facal entende que "sobran desacordos de índole administrativa e falta debate político". Diante da negativa a investigar as causas e responsabilidades da vaga de incendios, un capítulo que case todas as persoas consultadas subliñan dunha maneira ou doutra, abrollan as preguntas. "Cal pode ser o motivo do receo á exposición pública da situación e das deficiencias? Ula primacía do Parlamento ante cuestións que provocan ansiedade e preocupación xeneralizada?", interrógase López Facal, outra voz crítica co labor da socialista Dolores Villarino.
Medios públicos: a vangarda, a medio camiño
O ditame deste economista a respecto da política informativa do goberno e do xeito no que artella a súa relación coas empresas de comunicación agocha claroscuros. Ao seu ver, é positivo que "certos medios con vocación hexemónica sobre o mercado informativo galego se amosen descontentos co bipartito", xa que se pode entender como un sinal de que a compravenda de titulares, "unha práctica antidemocrática intolerábel", non se está a producir coa mesma intensidade que nos anos do fraguismo. Porén, esta caste de disidencias transitorias pode ser tamén o reflexo da entrada de novas empresas informativas (El País) no mercado, un fenómeno empresarial que muda a rede de apoios e as ligazóns entre os campos da política a da comunicación. Con todo, no debe do executivo de Emilio Pérez Touriño figura, segundo López Facal, o feito de que o único xesto visíbel de cambio no eido da comunicación sexa o dos medios públicos.
"Nos medios públicos recuou o absolutismo informativo, achégase maior pluralidade", concorda o editor dixital Manuel M. Barreiro. "Mais con todo, a repartición de influencias entre os partidos do goberno e o non ostracismo do partido na oposición non é a solución satisfactoria e, en ningún caso, ha ser coartada para entalar a desgobernamentalización da CRTVG", unha conta pendente que a xuízo do ensaísta Antón Baamonde fai precisa en Galicia "unha lei semellante á aprobada polo Parlamento español en relación á CRTVE". Moi parella é a visión de Alba Nogueira, quen tampouco ve na renovación da televisión pública un ciclo acabado senón un transo pouco ambicioso. Así, detecta no día a día da corporación a mostra "da consideración unilateral, política e partidaria da opinión sobre os temas de actualidade tanto nos programas informativos como de debate, manifestada na ausencia dos sindicatos, de grupos ecoloxistas e doutras organizacións sociais".
Bragado, pola súa banda, recoñece a mellora dos contidos, especialmente na Radio Galega, e "a transparencia e a puntualidade da información" ofrecida polos medios públicos nas crises dos incendios forestais, o vertido de Brenntag ao río Umia e as enchentes deste outono –un tratamento "simplemente demencial", do punto de vista de Vázquez Pumariño-, mais tamén subliña "o desinterese do goberno en poñer en marcha a reforma do seu estatuto" xurídico, verdadeiro pé para a mudanza. Na súa perspectiva, o cambio refugou "deseñar un novo modelo baseado na profesionalización, o pluralismo e a independencia" e ficou "nun reparto de influencias" entre socios. É por iso que "a incapacidade do bipartito para consensuar un modelo profesional de xestión dos medios agoira que esta reforma se pode adiar sine die".
A elaboración dunha lei para o nomeamento do director xeral da CRTVG, un proceso "estancado" segundo o economista Santiago Lago, é un dos elos no programa de urxente rexeneración democrática que propón o exconcelleiro socialista Miguel Barros. Segundo a súa análise, unha tal ferramenta xurídica, aprobada por maioría cualificada de dous terzos no Parlamento e con representación de todas as forzas, "garantiría o consenso político e a neutralidade informativa dos medios públicos". Porén, ao ver do decano do Colexio de Sociólogos e Politólogos de Galicia, Xaime Subiela, non semella haber no bipartito vontade de se enfrontar a esta reforma senón máis ben de "manter algúns mecanismos de poder", os medios públicos por caso, "fóra dos sistemas plurais de control democrático".
Por último, e a respecto da nova televisión pública, unha canle que a xuízo da escritora María Xosé Queizán "non está aínda á altura da clase instruída e culta de Galicia", existe a percepción de que cómpre unha máis fonda renovación. Así, Xoán López Facal bota a faltar novos alentos "tanto en contidos (demasiada verbena) como en idioma (demasiado afeccionado á fonética gran almacén)" e, fóra "os penosos anuncios propagandísticos a maior honra dun responsábel político", coida que "a sospeita de interdito a un programa de crítica humorística da actualidade política", en referencia ás informacións publicadas polo diario El País, "ten uns efectos destrutivos".
A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (febreiro de 2007, nº 117)