No seu programa de goberno, o bipartito fixera da rexeneración democrática un obxectivo fundamental. Era obrigado. Se algo incidiu de maneira decisiva en que socialistas e nacionalistas accedesen ao poder, foi a promesa de devolverlle á sociedade civil o protagonismo que lle subtraera o fraguismo. Nada como darlle a alternativa a un goberno que entregou á democratización da vida pública e á cualificación do autogoberno as súas prioridades, para que a cidadanía se liberase do afogo en que deran dezaseis anos de autoritarismo paternalista. Adiantamos o editorial de febreiro de TEMPOS Novos
D esconcentrar e redistribuír o poder que o fraguismo concentrara sen escrúpulos –e que dera pé a un réxime okupa- ía ser a proba do nove para o cambio anunciado. A case dous anos de distancia, o bipartito aínda busca como reinventar unha forma de representar e de practicar a política que siga concitando a adhesión da cidadanía a un proxecto participado de país, que se distinga polo nervio democrático e pola capacidade de decisión sobre o seu propio futuro. A inexplicable demora é o que fai que estean emerxendo de entre as súas bases sociais voces críticas que amosan a súa decepción.
Pero non só por iso. O bipartito mantén unha política continuísta na súa relación con outras institucións, e de maneira ostentosamente perversa cos medios de comunicación, públicos e privados, condicionando a liberdade de información e o pluralismo, a pedra angular do noso sistema democrático. É o que está xerando un crecente desasosego.
A outra cara do fracaso
O fracaso en que deu a reforma estatutaria colleu á sociedade botando a sesta. Así se explica que recibise a nova do desencontro final coma se nada fose con ela, cando ten no Estatuto o seu máis importante aval para non verse abocada a deixarse diluír no magma de tantísimos intereses cruzados: aqueles que se corresponden coa vocación succionadora do Estado, aqueloutros que explican a necesidade que ten a globalización neoliberal de homoxeneizar modelos sociais, culturas e mercados.
Ese desinterese social tivo no comportamento das tres forzas negociadoras a súa causa máis directa, por non saberen ou quereren compartir o proceso coa cidadanía, valéndose dunha intelixente e proactiva política de comunicación. Pero non só non deseñaron unha estratexia de comunicación, o suficientemente ambiciosa coma para forzaren que tódolos demais axentes sociais, e en especial os medios de masas, contribuísen a xerar expectativas e a provocar o debate que nunca houbo. Tamén trivializaron a negociación, aparentando ser uns trileiros que xogan coas cartas marcadas, e non deron confianza.
Touriño, Quintana e Feijóo non sentiron por iso a presión social que necesitaban para non caeren vítimas da tentación escapista. O que agora gastan en pólvora mediática para botarse a culpa do fracaso, que ten sen dúbida no líder da dereita o obxectivo máis doado, deberan empregalo desde hai meses en pedagoxía e comunicación política. Nunca se atreverían a saír a secas da casona de Monte Pío.
José Couso e a xustiza
A familia do cámara José Couso sufriu un auténtico vía crucis ao enfrontarse con coraxe contra quen, tanto desde a administración estadounidense como desde as altas instancias político/xurídicas da administración española, se esforzaban en botarlle terra enriba ao asasinato. Arquivando a querela familiar, tanto a Fiscalía que o solicitou como a Sala da Audiencia que o aceptou de inmediato non só son responsables segundo o Supremo dun erro xurídico, inaceptable en si mesmo. Sono así mesmo dese vía crucis, e do descrédito que unha actuación desa natureza supón para a administración de xustiza. Sobre todo, ao constatar como o arquivo da querela se produce inmediatamente despois da visita que representantes da Fiscalía Xeral e da Audiencia lles fan aos seus homólogos estadounidenses (outubro de 2005).
Ata ese momento, os intereses estratéxicos de España, e a obsesión por rehabilitar as relacións cos EE.UU. que quedaran rotas tras a retirada de Iraq primaran sobre o acto supremo de facer xustiza. E non deixa de ser especialmente rechamante que fose o fiscal xeral Conde Pumpido quen se sometera de maneira tan humillante á versión escandalosamente falsa do exército agresor. Porque se contradixo co que el mesmo defendera cando, sendo maxistrado do Supremo, dera por boa a doutrina da xurisdición universal, que permitira investigar e xulgar o "caso Guatemala". Pero nunca é tarde para rectificar. Aínda que sexa a contragusto. Para que ese crime non quede impune.
Editoriais publicados na edición impresa de TEMPOS Novos (febreiro de 2007, nº 117)